O CEIP de Vilar de Barrio amosa os seus avances nas TIC a través do proxecto Samsung Smart School

mércores, 5 de novembro do 2014 Redacción

O CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio, único centro educativo galego integrado no proxecto Samsung Smart School (destinado a fomentar a aprendizaxe TIC facendo fincapé na loita contra a fenda dixital que separa os ámbitos urbanos dos rurais, sendo no rural precisamente onde se empraza o dito colexio), amosou hoxe perante os máximos responsábeis da Consellería de Cultura e Educación os seus avances en materia de dixitalización e innovación no ensino. Á cita acudiron o conselleiro Xesús Vázquez Abad, e o director de Cidadanía Corporativa e Relacións Institucionais de Samsung, Francisco Hortigüela.
O conselleiro salientou que a iniciativa Samsung Smart School aplicada no centro de Vilar de Barrio é un proxecto exemplar de normalización e espallamento das novas tecnoloxías en zonas afastadas dos grandes núcleos urbanos, sobre o papel as que máis facilidades teñen para inserírense de cheo na Sociedade da Información. Pola súa banda, Hortigüela, fixo saber que “dende Samsung cremos firmemente nas grandes posibilidades que a tecnoloxía ofrece ao ámbito educativo e que o noso deber como empresa é axudar á sociedade e sobre todo aos que máis o necesitan”. E engadiu: “Con este proxecto realizado no CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio temos como obxectivo último poder crear unha guía que axude a transformar a educación e a incorporación da tecnoloxía na aula”.
Na súa visita ao centro ambos estiveron acompañados pola directora do mesmo, Manuela Iglesias; polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego.
Durante o percorrido polo CEIP, Vázquez Abad e Hortigüela tiveron a oportunidade de intercambiar cos docentes as súas impresións nestas primeiras semanas de posta en marcha do proxecto, así como de presenciar a actividade das nenas e nenos na aula cos dispositivos electrónicos subministrados.
A dotación do proxecto para este centro ourensán, informa a Consellería, foi de 50 tabletas, 2 encerados dixitais, 2 carriños de carga e seguridade para as tabletas, e 2 allshare cast (dispositivos para proxectar desde a tableta á pantalla sen fíos). Estes trebellos levan tamén incorporados varios programas de control de aula (Samsung School) e de seguridade e xestión en remoto (Famoc), cuxa función “é a de facilitar a docencia e simplificar a instalación de aplicacións, ademais de servir de capa de seguridade diante do acceso a contidos en liña non axeitados”.
Recordar tamén que Samsung Smart School foi deseñado en colaboración co Ministerio de Cultura, Educación e Deporte e implantado en 14 Comunidades Autónomas. A iniciativa desenvolverase durante o curso 2014/2015 e ten previsto chegar a máis de 1.500 alumnas e alumnos e a máis de 200 docentes.

PUBLICIDADE