O CITIC contribuíu en Valencia a materializar portos marítimos smart

luns, 2 de maio do 2016 Redacción

Jesús M. Díaz, investigador do CITIC, expoñendo os traballos smart do centro tecnolóxico galego

Os pasados 22 e 23 de abril, o Centro de Investigación TIC (CITIC) participou no encontro ICT Innovations in Shipping and Smart Port Management in the Mediterranean Area, que tivo lugar na Autoridade Portuaria de Valencia e que se organizou co obxectivo de promover a colaboración en I+D arredor dos ámbitos do tráfico marítimo e a xestión e infraestruturas dos portos. A finalidade, polo tanto, foi a de xerar proxectos de transferencia de coñecemento e cooperación entre diferentes frontes ao abeiro das convocatorias europeas do marco de Horizonte 2020.
No encontro, o CITIC espertou o interese dos portos de Valencia e Barcelona, sobre todo grazas ás súas capacidades e experiencia adquiridas no ámbito do Smart Port. Igualmente, abríronse portas para colaboracións neste ámbito na liña de Port of the Future de 2020. O responsábel da Oficina de Transferencia Tecnolóxica do CITIC, Jesús M. Díaz, foi o encargado (o relator) de facer as presentacións das capacidades de I+D+i e da experiencia xa adquirida nos Portos da Coruña e Vigo, proxectos SmartPort Coruña e VIPORT. O seu relatorio desenvolveuse baixo o seguinte epígrafe: Smart Port: successes experiences from Atlantic side Ports.
As xornadas de Valencia inseríronse nas actividades do grupo de asociacións de enxeñeiros de telecomunicacións e TIC do FITCE (Forum For European ICT & Media Professionals) de España, Grecia e Italia. Os encontros foron un evento europeo (Euro Med Telco Forum 2016) e viñeron da man da Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación, coa colaboración da Autoridade Portuaria de Valencia, HisdeSAT e Nunsys, contándose co patrocinio principal de Telefónica. Participaron nos relatorios, amais das devanditas entidades, a Universidade Politécnica de Valencia, a Fundación Valenciaport, a Society AEIT per la Tecnologia dell’’Informazione e delle Comunicazioni, a Universidade de Roma, a Universidade de Trieste, o Centro Tecnolóxico Gradiant, o CITIC, a empresa galega Televés, a Universidade de Las Palmas, a Universidade de Castela A Mancha e o Technological Education Institute of Thessaly.
En detalle, o obxectivo das xornadas foi facer fronte común entre entidades de investigación e empresariais dos devanditos países, por exemplo autoridades portuarias, centros de I+D, universidades, empresas do ámbito TIC e profesionais, todos eles unidos baixo a arela de compartir proxectos e iniciativas para acadar sociedades, consorcios e proxectos tecnolóxicos na conca mediterránea.

PUBLICIDADE