O CPEIG presenta á Administración o Corpo Oficial de Peritos especializados en informática forense

mércores, 17 de marzo do 2010 Redacción

Representantes do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia mantiveron esta mañá unha xuntanza coa secretaria xeral de Presidencia, Beatriz Cuíña Barja, e co director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, para presentarlles o Corpo Oficial de Peritos (COP) especializados en informática forense.
Dende o CPEIG ofreceron a súa colaboración non só nos ámbitos relativos á informática forense, senón tamén noutros aspectos informativos ou divulgativos sobre a protección de datos, polo que sería de agardar que no futuro establézanse liñas de colaboración entre a Xunta e o órgano colexial.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, asegura que «o Corpo Oficial de Peritos é un instrumento clave na loita contra a casuística actual dos delitos, cuxo compoñente tecnolóxico vai medrando día a día, segundo se desprende dos diferentes informes feitos pola Administración de Xustiza». Este novo organismo buscaría dar cobertura e cooperar coa Administración de Xustiza segundo o establecido no artigo 335 da Lei de Enxuizamento Civil, de xeito que particulares e empresas poderán acollerse a este servizo en casos penais, civís, sociais, particulares e seguros, entre outros.
As intervencións do COP poden relacionarse co descubrimento e revelación de segredos ou espionaxe industrial; delitos económicos, societarios ou contra o mercado ou os consumidores realizados por medio de sistemas informáticos; delitos contra a propiedade intelectual e industrial; vulneración da intimidade, lectura de correo electrónico; estafa, fraudes ou conspiración; despido procedente ou improcedente; publicidade enganosa, etc.
Existe unha única listaxe de peritos conformada polo conxunto dos membros do COP que se pon a disposición dos axentes xudiciais e se actualiza anualmente. Todos os membros deste corpo teñen unha acreditación de formación en informática forense para exercer como peritos.