O CiTIUS acolle este martes ao creador dun novo sistema de integración humana no eido virtual

luns, 19 de novembro do 2012 Redacción

O investigador e profesor David Glowacki impartirá este martes no CiTIUS, o centro tecnolóxico da Universidade de Santiago (Campus Sur), unha conferencia sobre un innovador sistema audiovisual interactivo que vén de presentar publicamente, el mesmo, no Barbican Arts Centre de Londres, no marco das Olimpíadas Culturais 2012. O acto desenvolverase este martes 20 de novembro, ás 12:00 horas. Natural de Milwaukee (EEUU) o profesor Glowacki traballa como docente e investigador post-doutoral no Reino Unido, na Universidade de Bristol.
“Malia a súa xuventude”, informan dende o CiTIUS, “ten publicado xa numerosos artigos en revistas científicas de prestixio coma o semanario Science, e desenvolveu este proxecto no laboratorio multidisciplinar Pervasive Media Studio”.
Danceroom Spectroscopy (dS) (Sala de Baile Espectroscópica) é unha nova ferramenta orientada ó mundo da danza, construída a partir de algoritmos empregados decote para simular a dinámica cuántica molecular. “A partir dunha matriz de ata sete sensores de profundidade simultáneos”, cóntanos o centro da USC, “o sistema rastrexa o corpo humano e traduce a información de maneira literal, converténdoo nun campo de enerxía; o resultado desta transformación é a creación dun sistema interactivo onde o movemento de cada individuo é tratado coma unha serie de alteracións producidas sobre un campo de enerxía virtual”. De maneira gráfica, engádese, os usuarios perciben esta interacción a través das proxeccións do seu propio corpo -ou campo de enerxía- sobre unha pantalla, incrustado nunha simulación de miles de partículas interactivas que reaccionan perante o movemento. Os datos envíanse asemade a unha etapa de xeración musical electrónica, que permite escoitar o efecto sónico producido con cada perturbación provocada sobre o campo enerxético. Para quen queira achegarse a este proxecto, de xeito visual, dicirlle que na rede hai vídeos ilustrativos dispoñíbeis.

PUBLICIDADE