O DICO Summit 2017 pecha premiando o talento dos máis novos

mércores, 25 de xaneiro do 2017 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, xunto coa directora da AMTEGA, Mar Pereira e os presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, e do Audiovisual, Jorge Algora, foron os encargados de entregar os premios do concurso Na busca do Talento Dixital e clausurar o DICO Summit 2017, foro de contidos dixitais que ao longo de dúas xornadas xuntou a preto de 400 participantes.
O conselleiro de Cultura e Educación felicitou aos premiados polo seu talento e a súa creatividade, pero tamén polo seu espírito emprendedor. Neste sentido, destacou o importante papel que xogan as TIC no sistema educativo, posto que funcionan como unha ferramenta de apoio ao alumnado e favorecen unha aprendizaxe máis rica e significativa nun mundo xa plenamente tecnolóxico e dixital.

Os gañadores

Na categoría mozo de 14 a 18 anos o Primeiro Premio foi para Lois Neira; Christian Capeáns e Brais Cuns do IES de Brión pola iniciativa Read for Speed, unha idea para desenvolver unha aplicación que facilite a aprendizaxe e comprensión da lectura.
Nesta categoría a Mención foi para Diego Barreiro e Óscar Olveira do IES Rosalía de Castro pola iniciativa SOSgram salvavidas chateando, unha idea para desenvolver unha aplicación que permita comunicarse online en tempo real cos efectivos de emerxencias en caso de accidentes ou urxencias.
Na categoría de mozo adulto, de 18 a 30 anos, o Primeiro Premio foi para Eva Sarmiento pola iniciativa A ficción colaborativa, una idea para facilitar aos consumidores a participación na elaboración de produtos de ficción.
A Mención recaeu en Alexis Rafael e Ariana Peiteado pola iniciativa Os videoxogos no camiño á inclusión, unha idea para a utilización da realidade virtual e de videoxogos na educación de alumnos con discapacidade intelectual .
Os galardoados co primeiro premio recibiron unha gafas de realidade virtual e un dispositivo de reprodución audiovisual en rede Os recoñecidos coa Mención obtiveron unhas gafas de realidade virtual e unha subscrición a unha plataforma de vídeo baixo demanda.

Fotografía de grupo cos gañadores dos premios e representantes das entidades organizadoras do DICO Summit.

PUBLICIDADE