O Goberno quere introducir na Lei de Economía Sustentable medidas contra as páxinas web de descargas

martes, 1 de decembro do 2009 Marcus Fernández

José María Chiquillo, senador del PP, acusa á ministra de Cultura de dicir mentiras e gordas

De xeito sorprendente, o Goberno introduciu na disposición final primeira do anteproxecto de Lei de Economía Sustentable a modificación da Lei de Propiedade Intelectual e da Lei de Servizos da Sociedade da Información, no que entenden que autoriza a interrupción do acceso á Internet sen autorización xudicial aos abonados que descarguen ficheiros protexidos por dereitos de autor, aínda que esta interpretación parece non axustarse moito ao que realmente di a proposta de modificación da LSSI (o texto non fai referencia aos usuarios, senón aos prestadores de servizos).
As modificacións facultarían ao Ministerio de Cultura a «velar pola salvagarda dos dereitos de propiedade intelectual fronte á súa vulneración polos responsables dos servizos da sociedade da información» para o que prevén a creación dunha Comisión de Propiedade Intelectual que tería funcións «de mediación e arbitraxe e de salvagarda dos dereitos de propiedade intelectual», o que lembra á francesa HADOPI.
Ante a preocupación suscitada por este anteproxecto de Lei, o ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, asegurou que o Goberno non vai «perseguir aos usuarios» de Internet senón que actuarán para «evitar que haxa páxinas de descargas ilegais» e «concienciar aos cidadáns de que hai que respectar a propiedade intelectual».
A ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, recoñeceu que pretenden que o seu mnisterio sexa o encargado de protexer os dereitos dos autores na Internet media, pero quixo deixar claro que «non se vai cortar Internet a ningún usuario en ningún caso».
Pero o feito de que non se actúe sobre cidadáns senón contra páxinas web non deixa de ser preocupante, de non mediar unha autoridade xudicial, pois podería afectar aos dereitos fundamentais. Amais, estas medidas poderían supor unha ameaza para a Internet, e podería ter efectos opostos ao que perseguen, coma aconteceu co peche de Napster (que disparou o crecemento de redes P2P), de xeito que as medidas contras páxinas que promovan o intercambio de ficheiros poderían «incitar á creación de sistemas tecnolóxicos moito máis sofisticados».

PUBLICIDADE