O ITMATI dobra ingresos e reafirma a súa aposta pola Industria 4.0
xoves, 8 de setembro do 2016
O Instituto
Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) amosou este xoves
en rolda de prensa os seus logros e casos de éxito recentes. A
información veu da man de Peregrina Quintela, directora deste centro
galego de transferencia tecnolóxica (impulsado e integrado polas
nosas tres universidades), quen complementou os datos sobre os
froitos tecnolóxicos concretos recollidos en 2015 coas cifras de
ingresos acadadas ese mesmo ano: practicamente o dobre do conseguido
en 2014; en concreto aquelas aumentaron un 97,16 por cento, pasando
de 551.529,35 euros a 1.087.372,89 euros en 2015, excluído o IVE. A
memoria de actividades de ITMATI, sinalou, “plasma un importante
incremento de ingresos e actividade, reflexo da consolidación do
instituto”. O instituto naceu en 2014 para achegar solucións de
produtividade e axilidade ao tecido empresarial e administrativo.
Estas solucións abrollan de eidos como a matemática industrial, o
modelado, a simulación numérica e, por suposto, o cómputo de
información masiva (Big Data).
O ITMATI é, polo tanto,
un dos puntais da nosa terra para sustentar o mellor desenvolvemento
posíbel para a Industria 4.0. Así o explicou na rolda de prensa
Peregrina Quintela: “A matemática industrial é unha tecnoloxía
facilitadora clave á hora de falar de industria intelixente, xa que
as ferramentas que son a base da industria 4.0 teñen o seu piar na
tecnoloxía matemática”. No proceso de converter a industria en
intelixente, vinculando o mundo físico ao virtual, o ITMATI, dixo,
“está chamado a ser un referente para a industria galega, o
conxunto da española e a internacional”.
Respecto dos casos de
éxito, a directora deste centro de transferencia debullou as
experiencias xeradas ao abeiro da Unidade Mixta de Investigación
Repsol-ITMATI, cuxo obxectivo é investigar nos métodos matemáticos
e numéricos de resolución de problemas atopados de maneira
recorrente na actividade diaria de Repsol, especialmente nos ámbitos
da simulación e optimización de dispositivos e procesos (a compañía
petroleira busca incrementar a vida útil das baterías que usan os
vehículos eléctricos e mellorar o proceso de recarga rápida, así
como optimizar os procesos de toma de decisión, entre outros
aspectos).
Peregrina Quintela tamén
fixo fincapé no Proxecto LUMES, ao abeiro do cal desenvólvense
novas tecnoloxías e ferramentas avanzadas para reducir grandes
incendios forestais tanto en número como en superficie afectada.
Grazas a LUMES, deuse forma a un sistema experto para a seguimento e
xestión dos recursos que participan na extinción dun incendio e
para a axuda na toma de decisións a xestión dos medios aéreos.
A directora do ITMATI
tamén avaliou, entre outros, un proxecto coa empresa EcoMT cuxo
obxectivo principal é a definición dun algoritmo que permite
predicir o risco de incidencias ou falta de confort nunha rede de
locais comerciais. Igualmente, fixo un percorrido polo acadado ao
abeiro da súa iniciativa conxunta con FerroAtlántica, centrada na
simulación numérica do comportamento eléctrico de fornos de arco
para a produción de silicio, co fin de evitar o maior desgaste que
se produce na zona da punta dos electrodos na parte central da cuba
tras aumentos de potencia nos fornos, o cal afecta o rendemento xeral
do forno.