O Parlament aposta no seu portal polo espírito plurilingüe e participativo

luns, 23 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Facendo unha análise máis ou menos superficial da evolución das webs institucionais podemos chegar a dúas ou tres conclusións comúns a case todas elas: partiron do meramente expositivo e dunha feitura que tendía ao recargado a desprenderse de cada vez máis accesorios para ser, de xeito paradoxal, máis informativas á par que útiles. Isto, loxicamente, non se pode aplicar a todas (segue a haber espazos públicos en liña cen por cen inaccesibles, e outros, como algún que nos toca ben de preto, tardaron anos en apostar pola lingua que lles correspondía), pero si que semella certo que hai maior uniformidade ca nos eidos empresarial ou de nivel de usuario. Os motivos disto: a lei que obriga cada vez máis a ceibar Internet de lixo público (aínda que se cadra non tanto como se debera) e o efecto pique entre unhas e outras entidades. Esta situación, entre outras cousas, orixina de cando en vez algo semellante ao que acontece nos pelotóns das competicións de ciclismo: parece unha piña até que alguén sae correndo. Nesta liña é onde se está a mover o Parlament de Catalunya co seu novo portal en Internet: unha web que sen ser gran cousa, constitúe un exemplo interesante de adaptación aos novos tempos e circunstancias da sociedade. Entre outros servizos, a posta ao día desta web en materia 2.0 (Web participativa) inclúe unha apertura cara a servizos como YouTube e redes sociais como Elines, Facebook e Twitter.
Ademais, ábrese a un máis amplo espírito plurilingüe, ofrecéndose á comunidade en liña en linguas como o galego, o éuscaro, o occitano e o inglés, amais do catalán e castelán.
Segundo conta estes días A Nosa Terra, a remodelación destas canles de comunicación co cidadanía incorpora novidades que implican directamente a todos e cada un dos residentes actuais no hemiciclo. Para que se entenda: a vaga 2.0 no Parlament de Catalunya deixa a cada un dos deputados e deputadas cun caderno persoal, blog, dende o que poderán ampliar a comunicación directa coa sociedade. Por certo que isto tamén é extensible ao presidente da Cámara, que conta cun espazo propio de seu encamiñado a responder ás cuestións propostas pola comunidade internauta.

PUBLICIDADE