O emprendedor galego responsábel do sistema Syspo vaise a Silicon Valley da man de Yuzz

xoves, 10 de setembro do 2015 Redacción

Seguimos a dar conta de recoñecementos aos nosos profesionais e estudantes da man do Proxecto Yuzz, unha iniciativa de aceleramento de ideas con sedes de seu en múltiples recantos estatais, e tamén na nosa terra. Logo de informar onte da distinción a Fly Away pola banda da Universidade da Coruña, agora é a quenda de achegarnos ao centro Yuzz de Santiago e salientar o recoñecemento obtivo por Syspo (Sistema optimizado de xestión e localización de drons), unha tecnoloxía desenvolvida por José Manuel Vigo Cacheda. Grazas a ter sido seleccionado no programa (unha iniciativa do Centro Santander Emprendemento, CISE), o emprendedor acadou unha praza para viaxar a Silicon Valley xunto con outros 41 mozos de todo o ámbito español.
Syspo consiste como dixemos nun sistema de control e xestión masivo de vehículos aéreos non tripulados. O proxecto foi elixido como a mellor iniciativa do centro Yuzz de Santiago de Compostela (USC) e obtivo unha praza para viaxar a Silicon Valley e ficar alí entre o 29 de outubro e o 4 de novembro, visitando os emprazamentos de corporacións punteiras como Google, LinkedIn, Facebook ou Hewlett Packard. O xurado seleccionouno como o mellor da sede compostelá, na que concorreron coas súas iniciativas dúas ducias de mozas e mozos emprendedores, que contaron (ao abeiro de Yuzz) durante cinco meses co apoio da Universidade de Santiago, Rede Emprendia e a Xunta de Galicia.
Por certo que o vindeiro 6 de novembro, na Cidade Grupo Santander, os 42 novos empresarios presentarán as súas ideas perante un xurado integrado por representantes de Banco Santander, CISE e entidades colaboradoras de Yuzz. Os tres mellores proxectos recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para que os seus responsábeis poidan acelerar as propostas.
Máis sobre Syspo
Syspo, informan os responsábeis do centro Yuzz de Compostela, é un proxecto empresarial para dar forma a un sistema de xeoposicionamento e control masivo de drons “de forma automatizada e eficiente”. Compatíbel con calquera dispositivo (computador, smartphone, tableta, mando de RC tradicional), permite un uso seguro das tecnoloxías empregadas, “a calquera distancia e sen que os usuarios teñan que instalar antenas propias”. Un dos máximos puntos fortes de Syspo, engádese, é que o sistema permite controlar e programar a ruta de varios vehículos aéreos non tripulados á vez. “Arestora”, sinala José Manuel Vigo, “podemos manexar un dron por persoa, pero con Syspo podemos chegar a xestionar de maneira simultánea milleiros de aparellos, dependendo da dificultade de voo coa que nos enfrontemos”.
José Manuel Vigo Cacheda é estudante de Enxeñaría Informática. Con 17 anos foi premiado nos certames Galiciencia (Galicia) e Exporecerca (España) polo desenvolvemento dun vehículo biplaza eléctrico e autónomo recargábel con enerxía solar.
Volvendo ao centro Yuzz de Santiago, informar que foi seleccionado como segundo finalista o Proxecto Nostracker promovido polos emprendedores Iván Dobarro e Cruz Negreira. A súa proposta de negocio, informan dende Yuzz, consiste “en levar ao mercado a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico de innovadoras ferramentas que respondan as necesidades e tendencias máis punteiras en materia de seguimento e análise da reputación en lña suxerindo accións para a súa mellora”.
O terceiro proxecto seleccionado é GreenAquaculture, promovido por Silvia Calaza, que trata de desenvolver sistemas avanzados de cultivo acuapónico (cultivo integrado de animais acuáticos e plantas no que as bacterias nitrificantes transforman o amonio excretado polos animais acuáticos, facéndoo asimilábeis para os vexetais) de depuración de augas residuais para a industria acuícola.
Yuzz, unha aposta pola innovación
Yuzz comezou a súa andaina en 2009 con dous centros, un en Barcelona e outro en Madrid, como un viveiro tecnolóxico de grandes ideas. Desde entón medrou de forma exponencial e nesta nova edición, que dirixe o CISE co patrocinio de Santander Universidades, acadou os 41 centros espallados por todo o territorio español e coa participación de preto de 900 mozas e mozos emprendedores.

PUBLICIDADE