O estándar IEEE 802.22 podería facilitar o achegamento da banda larga ao rural

venres, 29 de xullo do 2011 Marcus Fernández

O dividendo dixital, ou sexa, o aproveitamento das frecuencias que quedarán libre tras reordenar as canles de TDT, vai facilitar o espallamento da banda larga sen fíos grazas a distintas solucións entre as que destaca a definida polo novo estándar IEEE 802.22, que vén de ser publicado e que a Comisión Federal de Comunicacións (FCC) norteamericana alcumou como Super Wi-Fi, o que podería facer que adoptase tal nome entre o público xeral.
Este novo estándar facilitaría dar cobertura a unha distancia de ata 100 quilómetros con 22 Mbps por canle, polo que sería ideal para levar a banda larga a zonas rurais con poboación dispersa, como o rural galego, ou sexa, que primaría a cobertura fronte ao seu uso por un número masivo de usuarios.