O fundador de Megaupload sae da cadea baixo fianza

mércores, 22 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

O xuíz da Corte do Distrito neocelandés de North Shore, David McNaughton, ordenou a posta en liberdade baixo fianza de Kim DotCom, fundador de Megaupload, ao considerar que non existía risco de fuga por teren a meirande parte dos seus bens e fondos conxelados.
Ata o momento 2 xuíces negáranse a deixar saír baixo fianza a DotCom, pero finalmente entenderon que o risco de fuga do país do fundador de Megaupload era reducido e non se demostrou que puidese contar con apoios para poder voar a países como Alemaña ou Finlandia (dos que ten a nacionalidade), que carecen de tratados de extradición cos Estados Unidos, país no que o acusado podería ter que facer fronte a unhas duras acusacións.
Pero as condicións da liberdade baixo fianza son bastante restritivas, de xeito que Kim DotCom deberá permanecer na súa residencia de Coatesville (sen poder afastarse máis de 80 quilómetros da mesma e tendo que avisar á Policía cun día de antelación de calquera viaxe que desexe realizar), non poderá conectarse á Internet e tampouco poderá voar en helicóptero.
Dá a impresión de que quedan moitos meses para que remate esta andaina xudicial, especialmente por querer empregarse o caso como exemplo para outros servizos semellantes a Megaupload, que están a retomar a súa forza nos últimos días, e incluso Fileserve, que puxera as súas barbas a remollo co peche de Megaupload limitando as funcionalidades do seu servizo, volve a operar con normalidade (limitándose a publicar unha nota no pé da súa web advertindo de que borrará as contas dos usuarios que vulneren o copyright.