O mapa sonoro de Vigo, ao alcance dos turistas

venres, 25 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa Ouvirmos, especializada na xestión de proxectos culturais e na preservación do noso patrimonio a través das ferramentas máis innovadoras, vén de desenvolver unha iniciativa tecnolóxico-turística para promover a cidade de Vigo por un vieiro apenas camiñado dende o punto de vista da promoción: o vieiro acústico. A páxina resultante do proxecto é o Mapa Sonoro de Vigo e nela, como se indica, podemos atopar todo tipo de maneiras de achegarnos á realidade da cidade galega a través da repercusión que ten nos nosos ouvidos. Por exemplo: o son da son da cadea de montaxe en Citroën, o vento na noite das Cíes, as ondas nos cantís do arquipélago, a Feira de Bouzas, a Praza de Peixe do Calvario ou a Procesión da Borriquita.
Trátase dun interesantísimo proxecto posto en marcha ao abeiro do Plan de Excelencia Turística de Vigo, desenvolvido por Ouvirmos (co soporte técnico de Escoitar.org) para a Concellería de Turismo da cidade galega. O seu obxectivo é descubrirlles Vigo aos turistas dende unha nova perspectiva.
Preparar unha visita turística, ambientala coa súa sonoridade, apreciar eses sons e escoitalos preservados da contaminación acústica, constitúen a esencia das aplicacións deste proxecto”, informa Ouvirmos. O Mapa Sonoro de Vigo, engade a empresa galega, contén 40 puntos de escoita cos emprazamentos e recunchos que “forman parte da cotidianeidade e da identidade sonora da cidade”. Os internautas, sexamos turistas ou veciños de Vigo e a súa contorna, podemos xa consultar estes arquivos, escoitalos e reempregalos para calquera iniciativa, ben sexa formativa ou creativa, con tal de asegurar que a fonte orixinal se acredita (de feito, o proxecto está desenvolvido baixo licenza Creative Commons). A iniciativa tamén ten espazo propio en Facebook.

PUBLICIDADE