O vídeo en 3D do grupo Divulgare sobre algas mariñas, recoñecido cun novo premio

martes, 15 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Seguimos coa ciencia, entre outras cousas porque este mes celébrase na nosa terra (e no resto do Estado e en toda Europa) a Semana da Ciencia, un evento que se dirixe a crear vocacións e a pór de manifesto o necesaria que é a profesión de investigador. Asemade, tamén se encamiña a divulgar ciencia, de xeito ameno e directo, e isto precisamente é o que se valora no certame On zientzia, concurso convocado dende Euskadi por ETB Teknopolis, un programa de alcance e prestixio mundial onde se destaca, cada ano, o traballo ben feito en materia de información científica para aquelas persoas que non teñen grandes coñecementos de información científica. Pois ben, dáse a casualidade de que na nova edición foi recoñecido un traballo galego, un vídeo de Divulgare sobre as estratexias adaptativas a través da bioluminiscencia das algas Noctilucas scintillans.
A peza, que acadou o primeiro premio pola súa calidade técnica e pola súa capacidade para dar conta directa dun tema que a priori semella complexo e técnico de máis, foi feita en 3D baixo o título Estratexias adaptativas: hipótese da alarma contra ladróns.
"O premio supón un orgullo dobre porque ábrenos portas na televisión autonómica e tamén porque conseguimos que unha persoa que aseguraba que a bioloxía non lle interesaba para nada elixira o traballo porque consideraba que lle transmitira de xeito ameno información que descoñecía”, informoulle á Universidade de Vigo o director do grupo, Luis Navarro.
Segundo se engade na páxina da institución educativa galega, non é a primeira vez que o devandito vídeo recibe un recoñecemento internacional. De feito xa foi obxecto dunha mención de honra nos Premios Prismas de Bronce por reflectir o traballo dun grupo científico “de xeito claro, conciso e ben enfocado”. The Scientist, a revista de prestixio internacional, distinguiu a peza co premio do público.
O obxectivo do traballo, engaden os seus responsables, é divulgar entre a cidadanía a capacidade destas algas microscópicas para brillar como modo de defensa, “fenómeno de bioluminiscencia que incluso Darwin tentou explicar a través da teoría da Alarma contra ladróns: as noctilucas, presa habitual de crustáceos transparentes, son quen de brillar no interior do seu depredador e convertelo nunha alarma fosforescente coa que atraer axuda”. A peza inclúe imaxes en 3D obtidas a través dunha cámara microscópica que un científico bota pola borda dun barco e que expón ante os espectadores todo tipo de segredos fondo do mar.