Operadoras e fabricantes acordan unha solución aberta para estandarizar a videoconferencia

mércores, 22 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Unha fronte formada por empresas do sector das telecomunicacións, entre as que se inclúen operadoras como Telefónica e fabricantes como Nokia Siemens, vén de anunciar a subida dun novo chanzo en materia de compatibilidade en servizos de videoconferencia. Máis polo miúdo, do que se trata é de acordar unha solución aberta para estandarizar a dita tecnoloxía. En virtude disto, as empresas participantes definiron un conxunto común de especificacións técnicas (baseado en estándares 2GPP e GSMA, xa existentes) coa finalidade de asegurar a aplicación dun contorno aberto e, polo tanto, a interoperabilidade.
Máis en detalle, o acordo (no que tamén participan Deutsche Telekom AG, Orange, Telecom Italia, Alcatel-Lucent, Ericsson, Italtel, Polycom e Quanta Computer), implica a habilitación dun contorno aberto, interoperable e integrado por varias operadoras que permitirá “ofrecer servizos de videoconferencia e videochamada doados de empregar, a través de redes e equipos de vídeo distintos, con independencia do país de orixe e do destino da chamada e sen que sexa preciso contar co soporte de centro de atención da operadora”.