Os bos e malos usos das TIC, ao detalle na xira Rapaciños que comeza en outubro
luns, 28 de setembro do 2015
Amosar o que podemos
pór en práctica para facer un axeitado uso das redes é o gran obxectivo das
actividades que prepara o Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG) para comezos do mes de outubro e de
alí en adiante. Trátase
das xornadas Rapaciñ@s As tecnoloxías ben seguras,
uns encontros con nenas e nenos de idades comprendidas entre os 8 e
14 anos co obxectivo de sensibilizalos e formalos acerca dos ricos
dun mal emprego de Internet, das redes sociais e dos dispositivos, e
tamén (por suposto) expoñer en detalle os moitos beneficios que
poden tirar dun uso axeitado destes recursos. A xira comeza o 3 de
outubro no Auditorio da Cidade da Cultura de Galicia e na súa
contorna. Organizan o CPEIG e a Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
O
programa de actividades abrangue unha serie de charlas informativas
que percorrerá Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG e
que dará comezo coa devandita xornada programada na Cidade da
Cultura e contorna. Segundo informa a organización, “familias e
docentes atoparán información e recursos de interese, namentres as
nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e
desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros
pensados para que se divirtan e aprendan”.
Na xornada do día 3 de
outubro, que comezará ás 17.00 horas, o profesor de Sistemas de
Información en IE Business School, Enrique Dans, abordará os riscos
na rede coa charla Nenos, Rede e futuro: o perigo está en non
estar. A continuación, a psicóloga Rocío Ramos-Paul, autora do
Manual de Supernanny,
exporá as cuestións relativas á Educar
na era Dixital.
En
paralelo celebraranse obradoiros para nenos de entre 8 e 14 anos
sobre navegación segura, realidade aumentada, protección de datos,
etc... actividades todas elas que “combinarán aspectos lúdicos e
didácticos”, informan os organizadores, que engaden que para
algunhas destas as/os participantes poderán precisar dun dispositivo
intelixente ou dunha tableta. Esta xornada de arranque será
inaugurada pola directora da AMTEGA, Mar Pereira e o presidente do
CPEIG, Fernando Suárez, que ao fío das motivacións que alentaron
este programa de actividades sinalan que “a era dixital abre un
mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas
por parte das nenas e os nenos”. Polo tanto, Rapaciñ@s vai de
normas e límites para un emprego seguro da Internet e tamén de
valores e oportunidades na esfera dixital.