Os creadores de Internet optan ao Nobel da Paz deste ano

mércores, 10 de marzo do 2010 Raquel Noya

Os chicles, a comida rápida, o microondas, a Coca Cola, o paraguas, a aspiradora… non hai cor, definitivamente o mellor invento do século pasado foi, sen dúbida, Internet. E para mostra un botón, se en 1969 tan só catro persoas usaban este servizo (descoñecendo que pasaría a ser case unha necesidade básica trinta anos despois), agora en pleno século XXI, as cifras de usuarios cóntanse por billóns, e as persoas que usan este servizo seguen a incrementarse en todo o mundo. Tal é a importancia deste “invento”, que o Instituto Nobel de Oslo vén de anunciar que as tres persoas que están detrás da creación da Rede, é dicir, os estadounidenses Larry Roberts e Vint Cerf, mailo británico Tim Berners-Lee, figuran na listaxe de candidatos ao premio Nobel da Paz, xunto con outros 236 candidatos. Malia que a listaxe de candidatos é un segredo relativamente ben gardado, non é extraño que se filtren aos medios de todo o mundo algúns nomes a través dos propios patrocinadores das candidaturas, como é o exemplo dos “pais de Internet”, que optan ao recoñecemento xunto con varios disidentes chineses, a ONG rusa Memorial ou a Estación Espacial Internacional, entre outros aspirantes.