Os editores preparan unha plataforma de contidos dixitais en galego

mércores, 21 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Manuel Bragado na XIV Feira do Libro de Monforte

Esta semana o Diario de Arousa publicou unha entrevista a Manuel Bragado, director de Edicións Xerais e presidente da Asociación Galega de Editores, na que comenta os cambios no sector editorial e o seu compromiso coa lingua galega, o que levou a que en 2009 se publicaran máis de 4.000 volumes en galego e unha facturación de 22 millóns de euros. Pero ese bo momento non está a manterse no tempo, e tanto a conxuntura económica actuais como a revolución dos novos soportes están a ter repercusións das que o sector non é alleo, de aí que Bragado asegure que estes novos retos obriguen a «un proceso de reconversión moi profundo, que afecta tanto á creación editorial como ás canles de distribución e promoción».
Nesta liña, Bragado adianta que nas vindeiras semanas os editores abrirán unha plataforma de contidos dixitais en lingua galega, o que promete ser unha aposta de máis calado que a tímida entrada de Xerais no libro dixital (actualmente o seu catálogo de e-books limítase a 4 obras, moi lonxe dos 50 títulos que prometeran hai un par de anos).
O que si parece claro é que os rumores que apuntan ao perigo de peche de Edicións Xerais non teñen ningunha xustificación (tal e como confirmou o seu director), e a editora continúa con forza, adaptándose aos cambios do sector e continuando a traballar co seu demostrado compromiso coa nosa lingua.

PUBLICIDADE