O Goberno galego anunciou onte que vai integrar e pór en marcha nos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Lucus Augusti de Lugo unha tecnoloxía para facilitar as visitas e estadías dos doentes: dende que se encamiñan ata os centros ata que rematan as consultas e regresan aos seus fogares. Trátase, máis en detalle, dun sistema de localización e guiado de pacientes mediante unha aplicación móbil, que estará dispoñible para dispositivos con Android ou iOS.
A ferramenta foi dada a coñecer polo presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, quen enumerou boa parte das funcións que permite a aplicación. Por exemplo: organizar a ruta do usuario sanitario ata o centro unha vez que solicita unha cita médica ou, tamén, guialo ata a súa sala de espera e asignándolle a súa quenda de consulta.
O sistema tamén proporciona información sobre servizos como cafetería ou quioscos dentro e fóra do hospital e, igualmente, permite compartir cos contactos do móbil que tamén usan a aplicación a posición dentro do hospital.
A tecnoloxía que se vai pór en marcha nos hospitais de Vigo e Lugo abrangue un sistema de localización de alta precisión e, tamén, un sistema de cartografía de edificios cos mapas internos dos hospitais, ao que se poden incorporar todas as dependencias do SERGAS. O presidente en funcións precisou que o servizo incorporarase en datas vindeiras ao hospital de Verín, ao edificio administrativo de San Lázaro en Santiago e a 20 centros de saúde.
Os hospitais de Vigo e Lugo estrearán un sistema de guiado de doentes mediante unha app
Compartir Este Artigo
