Pecha Megaupload.com baixo acusacións de piratería
xoves 19 de xaneiro do 2012, por |
Unha
das principais páxinas web de intercambio de ficheiros, Megaupload,
vén de ser clausurada baixo acusación de piratería,
acusándoselle de ter causado uns prexuízos económicos de máis de 500 millóns de
dólares por mor do intercambio de películas e outros contidos. O Departamento
de Xustiza dos EE.UU. asegura que a operación de peche incluíu a detención de
Kim Dotcom (antes coñecido coma Kim Schmitz) e outras 3 persoas en Nova
Celandia a petición das autoridades norteamericanas.
Dende Megaupload aseguran que a meirande parte do tráfico do seu servizo é
lexítimo, e intentarán seguir en activo (de feito, respondían dilixentemente ás peticións de borrado de material protexido), mentres que dende as industriais
culturais acusan a esta plataforma de facilitar de xeito masivo as infraccións
dos dereitos de propiedade intelectual.
Megaupload funcionaba mediante un modelo de negocio mixto, de xeito que os
usuarios de pagamento podían acceder a un servizo de descargas máis rápido e
avanzado, á vez que explotaba publicidade para tirar proveito dos usuarios que
non pasaban por caixa.
Esta causa xudicial tamén está a resultar un tanto rechamante polo feito de que
unha corte do Distrito de Virxinia (EE.UU.) estea a reclamar a xurisdición por
estar parte dos materiais piratados
en servidores en Ashburn (Virxinia), mentres que o principal acusado, o
fundador de Megaupload, residía entre Hong Kong e Nova Celandia e ten dobre
cidadanía finlandesa e alemá. Un auténtico enredo internacional que haberá que
ver como remata.
ACTUALIZACIÓN: Esta
operación orquestrada por un grande xurado de Virxinia a través dunha causa
contra as corporacións Megaupload Limited e Vestor Limited, ás que acusan de
conspiración para infrinxir o copyright, branquear cartos e outros cargos, supón o bloqueo de
18 nomes de dominio (megastuff.co, megaworld.com, megaclicks.co,
megastuff.info, megaclicks.org, megaworld.mobi, megastuff.org, megaclick.us,
mageclick.com, hdmegaporn.com, megavkdeo.com, megaupload.com, megaupload.org,
megarotic.com, megaclick.com, megavideo.com, megavideoclips.com e megaporn.com)
e o peche de data centers en Holanda,
Canadá e Washington.
Aparte de Kim Dotcom, hai outros 6 acusados, residentes en distintos países
(Alemaña, Eslovaquia, Turquía, Estonia e Holanda), resultado detidos en
Auckland (Nova Celandia) Dotcom, Finn Batato, Mathias Ortmann e Bram van der
Kolk, quen poderían ter que enfrontarse a peticións de condena de ata 20 anos
de cadea por crime organizado, 5 anos por conspiración para vulnerar o
copyright, 20 anos por branqueo de cartos e 5 anos por varios cargos criminais de
infracción de copyright. Tamén comentan que incautaron bens por valor de 50
millóns de dólares, entre os que figura a colección de coches de Kim Dotcom.
ACTUALIZACIÓN (20-1-2012): A incautación dos coches do fundador de Megaupload pode verse nunha galería fotográfica que veñen de publicar en Flickr. Resulta curioso ver as matrículas dos vehículos (CEO, HACKER, MAFIA, POLICE...).

- Os coches incautados son de alta gama e teñen matrículas personalizadas bastante curiosas
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















