PlayStation Move será o nome do control de movemento da PS3

xoves, 11 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Durante a conferencia de prensa de Sony na Game Developers Conference de San Francisco a compañía nipona finalmente deu a coñecer o nome que terá o seu novo control de movemento para PS3, que non será outro que PlayStation Move, de xeito que rematan cos moitos rumores que daban en chamar ao dispositivo coma Gem, Wand ou Arc.
Pese a que dende Sony insistan en que non é unha réplica do mando da Wii, as semellanzas son evidentes, de xeito que tamén estamos ante un controlador composto por un elemento para cada man. A súa peza principal, o PlayStation Move en si mesmo, é un mando de 20 centímetros de longo e 4,6 centímetros de diámetro que pesa una 145 gramos e incorpora no seu interior un xiroscopio e un acelerómetro, que serven para captar os movementos en 3 eixes, o que xunto a un sensor do campo magnético e unha PlayStation Eye Camera, conseguen detectar a posición do xogador e determinar o movemento tridimensional do mando con moita precisión, chegando máis aló que o Wii MotionPlus de Nintendo.
Desta volta, en vez dun Nunchuck o novo mando de Sony inclúe un sub-controller, queé unha peza de 13,8 centímetros de longo e 4,2 centímetros de diámetro, cun peso de 95 gramos, e que tamén integra unha panca de xogo, controis direccionais e 3 botóns.

Algúns xogos para PlayStation Move buscan imitar o éxito do Wii Sports Resort

O dispositivo poderá mercarse con ou sen cámara e incluso empaquetado con algún xogo e/ou consola, agardándose que o seu prezo solto sexa inferior aos 100 euros.
Polo momento Sony asegura que está a traballar en 20 xogos para este dispositivo, mentres que outras compañías están a traballar nuns 36 xogos máis, o que nutrirán un interesante catálogo do que xa adiantaron algúns títulos coma Dukes, Move Party, Sports Champions, TV Superstars, Slider e The Shoot, que son un excelentes exemplos do que permitirá o PlayStation Move, pois hai dende equivalentes en alta definición do Wii Sports Resort ata xogos de acción en primeira persoa controlados co sensor de movemento.
Haberá que agardar ao outono para ver o trebello nas tendas (polo momento, os asistentes á GDC critican que o dispositivo presenta bastante retardo en varios xogos), cando terá que competir coa tecnoloxía de Microsoft que polo momento responde ao nome de Proxecto Natal, e que podería supor unha seria ameaza para Sony, pois destaca por prescindir totalmente de mandos físicos.


Vídeo oficial de presentación do PlayStation Move


PlayStation Move en vivo durante a GDC

PUBLICIDADE