Polémica sobre a posibilidade de que o iPhone 6 Plus poida dobrarse

mércores, 24 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro venres chegan os novos iPhone a España, pero este lanzamento vai dar máis que falar do agardado, xa que chegará precedido por unha polémica que está a dar a volta o mundo, xa que un poucos usuarios do iPhone 6 Plus detectaron como o seu smartphone estaba un chisco dobrado pese a non verse supostamente sometidos a moita presión, xa que se levaran sempre nos petos dianteiros do pantalón, o que levou á realización dun vídeo no que pode comprobarse como é posible dobrar o terminal simplemente coas mans, permanecendo dobrada a súa estrutura, provocando unha reacción moi esaxerada, no que xa se coñece como blendgate, e que lembraría ao antennagate que padeceu o iPhone 4.
As probas realizadas non só confirmaron que o iPhone 6 Plus podía dobrarse, senón que tamén serviu para comprobar que, de forzar a recuperación da forma orixinal, en consecuencia remataba escachando lixeiramente a súa pantalla, o que é moito máis preocupante que a deformación do seu chasis de aluminio.


Vídeo no que podemos ver como se dobra un iPhone 6 Plus de exercer forza no seu punto máis feble
O autor do polémico vídeo tamén quixo someter ás mesmas probas un Samsung GALAXY Note 3, terminal que as superou satisfactoriamente, xa que a súa estrutura non é de aluminio (haberá que ver se o GALAXY Note 4 non ten o mesmo problema que o iPhone 6 Plus) o que non fixo máis que agrandar unha bola de neve que transcendeu as redes sociais, chegando á rúa, o que pode chegar a converterse en todo un problema de imaxe para Apple, pese a estarmos ante unha simple anécdota que non debería ter pasado dun par de comentarios sarcásticos na Rede.


Vídeo no que comproban que o Note 3 é menos susceptible de dobrarse que o iPhone 6 Plus
Temos así como un unhas incidencias que non chegan a ser un problema real conseguen unha excesiva atención pública, en boa medida porque hai moitas miradas fixas no lanzamento dos novos smartphones de Apple, que desta volta parecen atender máis ás demandas dos usuarios que ás decisións arbitrarias da empresa de Cupertino. Máis relevante tería que ter sido a última actualización de iOS 8, que tivo que retirarse de urxencia por provocar serios problemas nos novos móbiles (nos que deixaba de funcionar o Touch ID e incluso a o servizo de telefonía móbil), o que tamén levou a que xurdisen guías na Rede explicando aos máis impacientes (que instalaron a actualización rapidamente) como poder reverter a actualización para recuperar o bo funcionamento do seu terminal.

PUBLICIDADE