Política Lingüística e Xuventude convidan a mocidade a namorar en galego a través das TIC
venres, 6 de febreiro do 2015
Esta
mañá tiña lugar na Consellería
de Traballo a presentación da terceira edición do concurso Lingua
de namorar, un proxecto da
Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de
Xuventude e Voluntariado. Estamos perante un certame de mensaxes de
amor encamiñado á mocidade de entre 14 e 35 anos que busca
dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e na Internet.
Segundo se sinalou no acto, Lingua de
namorar é un programa que ten como
obxectivos “fomentar entre a mocidade o uso do idioma galego como
lingua útil, axeitada e normal para todos os intres da vida”;
tamén para empregar coas ferramentas que nos achegan as TIC; e para
amosar os nosos sentimentos cara a outras persoas, piar básico
(amosar sentimentos) da creatividade en xeral e do alento literario
en particular.
“A
terceira edición de Lingua
de namorar arranca
na semana da celebración da Candeloria, unha data especial que
queremos aproveitar para poñer en valor o galego como lingua de
namorar, lingua do amor, das relacións persoais e dos afectos”,
explicou o secretario xeral de Política Lingüística Valentín
García, quen rematou salientando que “coa posta en marcha da
iniciativa búscase tamén aproveitar as oportunidades de promoción
do galego e de participación que achega a web 2.0 para estimular a
interactuación en galego da xente nova”. Isto apóiase no
seguinte: “As linguas asociadas á creatividade, á vangarda e ás
TIC son as que collen o tren de futuro”, engadiu.
Pola súa banda, Ovidio
Rodeiro afirmou que “logo da aprobación da primeira Lei de
Xuventude de Galicia na pasada lexislatura, a dinamización e
promoción da lingua galega entre a mocidade é un eixo prioritario
da acción conxunta de todo o Goberno”.
E
indo ao miolo de Lingua de namorar,
para os interesados en participar: poderán facelo os mozos e
mozas de 14 a 35 anos, que se dividirán en dúas categorías de
idade: de 14 a 19; e de 20 a 35.
As mensaxes participantes
deberán estar escritas en lingua galega e poderán redactarse en
prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres,
incluídos os espazos en brancos. Cada participante poderá enviar un
máximo de dúas mensaxes ao concurso.
Para
poder enviar as mensaxes, cómpre rexistrarse na web
do concurso e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán
publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e máis
polo número que se lles asigne.
A data límite para
enviar as mensaxes de amor é o 22 de febreiro. Unha vez rematado
este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que
abranguerá do 23 ao 28 de febreiro.
O xurado do concurso
elixirá as mensaxes gañadoras de entre as 50 declaracións máis
votadas en cada categoría. As mensaxes gañadoras publicaranse o 9
de marzo na páxina web do concurso.
Os premios serán tres
por cada unha das categorías. Na categoría A (de 14 a 19 anos) a
persoa gañadora do primeiro premio será galardoada cunha tableta
4.0 e máis cunha actividade de aventura para dúas persoas; o
segundo premio consiste nun disco duro Toshiba Canvio Basics 2.5
polgadas; e o terceiro premiado recibirá unha videocámara deporte
dixital impermeábel. Pola súa banda, na categoría B (de 20 a 35
anos), o primeiro premio consiste nunha cámara somerxíbel Fujifilm
FinePix XP70 e máis nunha actividade de aventura para dúas persoas;
o segundo nunha tableta para lectura Kindle, con pantalla táctil de
6 polgadas; e o terceiro premio consiste nunha tarxeta agasallo
Spotify Premium de 6 meses.