Pontevedra acolleu sesións de adestramento en Zabbix, ferramenta que dará apoio ás retransmisións do Mundial

xoves, 5 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

De Riga, a capital de Letonia, vén de chegar á nosa terra o radio de influencia dunha ferramenta de software libre para a xestión e control de infraestruturas e servizos tecnolóxicos. Chámase Zabbix e segundo nos contan é o punto en común entre as empresas e entidades Inditex, Xunta de Galicia, R, POVISA, ING Direct e o vindeiro Mundial de Fútbol de Brasil. De feito, a ferramenta en cuestión serve para garantir o bo funcionamento dos servizos tecnolóxicos destas empresas e entidades e tamén para exercer unha supervisión axeitada nas retransmisións da Copa do Mundo que van correr a cargo de Globo.com. Zabbix presentouse estes días en Pontevedra da man de Unirede, colaborador desta solución en Brasil e responsábel da xestión de control de Globo.com.
A presenza de Unirede en Pontevedra serviu entre outras cousas para impartir dúas certificacións oficiais: Zabbix Certified Specialist e Zabbix Certified Professional. Esta cita veu da man da firma TICgal, emprazada na cidade do Lérez. A ela acudiron técnicos de Madrid, Barcelona, Valencia, Pamplona, A Coruña e Vigo que participaron nas sesións celebradas durante a semana do 26 ao 31 de maio nas instalacións do Centro Social Novacaixagalicia. As sesións serviron en boa medida para amosar “a versatilidade desta potente ferramenta empresarial, inicialmente concibida para comprobar o estado dos equipos e servizos informáticos, tales como servidores, equipos de rede, aplicacións, servizos web e sensores, e hoxe en día empregándose para xestionar o tráfico viario”. Ou sexa, en proxectos máis propios de Cidades Intelixentes e servindo de punto de control para os máis dispares elementos, desde prazas de aparcadoiro, a variábeis ambientais como a temperatura, a humidade e mesmo os niveis de contaminación do ar.
TICgal
Como dixemos, o encontro en Pontevedra veu da man da firma TICgal, unha empresa nova con sede na cidade e que centra parte da súa actividade en achegar e desenvolver solucións informáticas para empresas e administracións. “Conscientes da complexidade da actual conxuntura económica”, informan os responsábeis de TICgal, “a empresa aposta pola presentación de solucións imaxinativas e custo moderado, moitas delas de código aberto, facendo os seus servizos accesibles para PEME e autónomos en castelán, galego e inglés”.
Unirede
Unirede foi a empresa encargada de amosar en detalle as posibilidades de Zabbix. Trátase dunha empresa brasileira que leva actuando hai máis de 10 anos no mercado corporativo, prestando servizos esenciais en infraestrutura, soporte, adestramento e xestión estratéxica na área de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Ten presenza en todo o país irmán, con sedes en Porto Alegre, Río de Janeiro e São Paulo.
Zabbix
Zabbix é unha solución empresarial de monitorización distribuída de código aberto deseñada para supervisar o rendemento e a dispoñibilidade dos servidores de rede, dispositivos, servizos e outros recursos TIC. Zabbix é unha solución unificada de manexo e xestión empresarial que permite aos usuarios recompilar, almacenar, xestionar e analizar a información recibida da infraestrutura de TI , así como a súa visualización e notificación por correo electrónico, SMS ou Jabber cando se acadan os límites definidos. A empresa Zabbix creouse en 2005. É unha firma de desenvolvemento de software con sede en Riga, Letonia, e unha filial en Toquio, Xapón. O produto principal da compañía é a devandita solución Zabbix. A empresa do mesmo nome ofrece unha ampla gama de servizos comerciais, tales como soporte técnico e consultivo, integración de Zabbix, implantación e desenvolvemento de servizos personalizados, así como formación profesional no devandito recurso informático.

PUBLICIDADE