Presentan a primeira aplicación móbil de consultas profesionais

luns, 11 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O proxecto de Appvisor inspirouse na experiencia do bufete Pintos & Salgado Abogados respondendo consultas a través da Rede

Tras varios meses de desenvolvemento e probas, hoxe presentouse en Santiago de Compostela unha nova aplicación móbil, Appvisor, da man dun grupo de profesionais encabezados por Víctor Salgado, do bufete coruñés Pintos & Salgado Abogados (especializado en Dereito das TIC) e cun popular blog na web de La Voz de Galicia chamado Abonauta, quen asegura que a súa actividade atendendo consultas a través da Rede, e ultimamente a través de Twitter, levoulle a detectar unha demanda no mercado que podería atenderse de xeito óptimo a través do móbil, de aí que decidise emprender este proxecto.
Appvisor nace como unha aplicación para iPhone que facilita a comunicación de consultas a un grupo de expertos que non limita o seu ámbito ao mundo do Dereito, senón que poden corresponder a calquera especialidade, destacando fronte a outras solucións que actualmente podemos atopar na Rede por ser de pagamento e con garantías de profesionailidade e confidencialidade.

A nova aplicación móbil presentouse no edificio da Fundación Novacaixagalicia na compostelá Rúa do Vilar

Este sistema tamén é flexible no xeito de achegar as consultas, que poden estar en formato texto, en voz ou cunha imaxe adxunta, de xeito que un usuario podería fotografar unha cláusula dun contrato para consultar cun especialista as súas repercusións ou transmitir unha mancha na pel dunha mascota para que un veterinario responda se debemos preocuparnos pola mesma.
Dependendo da extensión das respostas que poden obterse a través de Appvisor establécense unhas tarifas que están entre os 5,99 e os 29,99 euros por consulta, e este pagamento garante unha resposta áxil e profesional, que agradecerán os usuarios que non desexen pasar horas buscando a través de Google atopando respostas pouco fiables ou tendo que expor a súa intimidade en foros.
Pero Appvisor non é só unha aplicación para iOS que ten proxectado o seu salto a Android e mesmo a aplicación web para chegar a máis dispositivos, senón que podemos entendela como un novo modelo de negocio no que os profesionais poden comunicarse con clientes que fagan as súas consultas empregando as TIC e facéndose co 50% do importe das consultas recibidas.
Esta plataforma desenvolvida integramente en Galicia e que xa está dispoñible na App Store está a traballar agora en ampliar o seu catálogo de expertos entre os que esperan que figuren avogados, médicos, asesores fiscais, expertos en empresa, tecnoloxía ou informática, veterinarios... especialistas que terán á súa disposición un novo xeito de ofrecer o seu coñecemento.


Vídeo de presentación de Appvisor

Andrés Ribera (co fundador de Ipoki) desenvolveu a aplicación para iOS de Appvisor
O estudo de deseño Oitenta está detrás da imaxe de Appvisor
Javier Rocamora é o responsable de marketing do proxecto
Víctor Salgado destacou que as consultas a través de Appvisor son de calidade, seguras e incluso máis económicas que noutros servizos semellantes