Presentan en A Coruña a versión 3.6 de Ovi Mapas

martes, 5 de abril do 2011 Marcus Fernández

Na presentación de Ovi Maps visitouse a Torre de Hércules coma un dos puntos emblemáticos da cidade que poden verse en 3D en Ovi Mapas

Esta mañá Nokia convidou a distintos medios de comunicación a acompañar a varios dos seus representantes nunha viaxe en limusina pola cidade de A Coruña para achegarse aos puntos máis emblemáticos da cidade herculina para así poder comprobar de primeira man o funcionamento da versión 3.6 de Ovi Mapas, aplicación para teléfonos móbiles de Nokia que ofrece navegación GPS por voz para coche e peón de balde e de por vida, presente en case 100 países e que soporta 46 idiomas, de xeito que incluso é posible escoitar as súas locucións en español (ou pórlle a nosa propia voz).
A nova versión de Ovi Mapas inclúe contidos Premium de balde como as guías Lonely Planet e Michelín, información de eventos (Wcities), Páginas Amarillas, Qype, TripAdvisor, guías TimeOot e Berlitz, buscador de hoteis HRS Hotels e BookATable (para pode realizar reservas directamente dende o móbil), incluíndo tamén MapReporter (un sinxelo servizo en liña que axuda a notificar erros na cartografía do móbil (para corrixila posteriormente).

Ovi Mapas permítenos ver a Torre de Hércules en 3D nos seus escenarios virtuais

Ovi Maps tamén permite visionar os mapas en 2D e 3D (de xeito que puntos emblemáticos como a Torre de Hércules, o estadio de Riazor, a casa do Concello ou a Casa das Ciencias poden verse proxectadas tridimensionalmente no mapa; pero a súa mellora máis significativa é que os mapas do servizo poden descargarse ao terminal a través de Wi-Fi, o que evita a conexión co PC (se queremos) e facilita a navegación GPS sen conexión á Rede, de xeito que non precisaremos dun plan de datos para poder guiarnos co móbil polas estradas de practicamente todo o mundo.
A aplicación para móbiles tamén consulta unha base de datos de radares fixos (para evitarnos sorpresas) e informa ao usuario no caso de conducir a unha velocidade superior á permitida.
Durante o encontro coruñés puido probarse o servizo nos móbiles Nokia E7 e Nokia C7, terminais con pantalla táctil que agora aceptan xestos para funcións como ampliar un mapa na pantalla do móbil, polo que o uso de Ovi Mapas é bastante natural, aínda que os usuarios de terminais de Nokia anteriores (con soporte de GPS) tamén poderán actualizar o seu navegador a esta última versión para poder tirar un mellor proveito desta tecnoloxía que está a facilitarnos a vida especialmente cando viaxamos a unha vila que non sexa a nosa.
Aparte do seu uso como navegador GPS, os Nokia C7/E7 son dispositivos moi atractivos para a reprodución multimedia ou para o uso de redes sociais (tamén integradas nos mapas), polo que os incondicionais da compañía finlandesa poderán continuar a confiar nos seus móbiles mentres non chegan os terminais con Windows Phone 7 prometidos para 2012 grazas ao acordo con Microsoft.

Durante a viaxe en limusina detallaron as características da nova versión de Ovi Mapas
Ovi Maps 3.6 permite ver a Torre de Hércules en 3D
A nova cartografía de Ovi Mapas é obra de Navteq
O teclado QWERTY do Nokia E7 facilita o envío de mensaxes de texto e a escritura de correos electrónicos

PUBLICIDADE