Pulo á implantación do fogar dixital en Galicia

luns, 21 de maio do 2012 Raquel Noya

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, na sinatura do convenio

Mar Pereira e Ramón Bermúdez de Castro, en representación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) respectivamente, veñen de asinar un convenio de colaboración mediante o que darlle pulo ao Fogar Dixital e ao Edificio Dixital en Galicia, dotándoos de servizos avanzados baseados nas TIC que melloren a calidade de vida da cidadanía.
Esta gama de servizos van dende os relacionados co ámbito asistencial (teleasistencia, teleconsulta,…) ata os relacionados coa seguridade, a eficiencia enerxética ou as comunicacións e o ocio; e que, en palabras dos seus responsables, “fan posible un novo concepto de habitabilidade e sostibilidade dentro do fogar”.
Isto implica mellorar de xeito importante a calidade de vida da cidadanía e o acceso aos servizos públicos dende o fogar, porén tamén facilita a dinamización e o desenvolvemento do sector tecnolóxico de Galicia, que na actualidade, segundo informan, “atópase perante unha gran ventá de oportunidade”.
De feito, o impulso do Fogar Dixital xa se reflicte no Proxecto de Lei de Impulso e Ordenación das Infraestruturas de Telecomunicacións de Galicia, actualmente en tramitación, que prevé a obrigatoriedade de incorporar nas novas vivendas que se constrúan as infraestruturas precisas para soportar servizos de Fogar Dixital.
Segundo indica o acordo, o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia elaborará un documento no que se establecerán as bases e pautas de actuación do Fogar Dixital e o Edificio Dixital, e que servirá de referencia para todos os axentes involucrados no mesmo (promotores, arquitectos, construtores, instaladores, enxeñeiros de telecomunicación, técnicos municipais, etc). Este documento recollerá toda a información precisa en termos técnicos e económicos no que se refire a implantación dun fogar dixital.

Difusión

O documento, elaborado por un grupo de traballo específico integrado por enxeñeiros de telecomunicación de diferentes perfís, difundirase a través dunhas xornadas dirixidas aos axentes implicados no proceso sector que organizará a Asociación; e enviaráselle aos 315 concellos de Galicia e ás entidades representativas do resto dos axentes involucrados no fogar dixital, unha copia dixital do documento de referencia.
A labor informativa completarase cunha xornada de carácter técnico sobre o Fogar Dixital e o Edificio Dixital de 4 horas de duración dirixida aos prescriptores técnicos do fogar dixital (enxeñeiros de telecomunicación, instaladores, arquitectos,…) da cal aínda se descoñece a data.

PUBLICIDADE