R, operador galego de telecomunicacións, comezou esta semana anunciando novas vantaxes para os usuarios dos seus servizos de conexión aos datos. Sen ir máis lonxe, este mes de decembro a compañía comezará a subir a velocidade de Internet fixo a boa parte dos seus clientes, anunciou. Esta medida, engaden fontes do operador, non é única nin illada, e, de feito, responde a unha liña xa iniciada hai tempo de melloras constantes e que o pasado verán deu como resultado, entre outras cousas, a ampliación a seis mbp/s dos paquetes nos que se viñan achegando tres. Agora é a quenda de quen teña 15 ou 50 Mbps, que pasarán a ter 20 e 100 Mbps respectivamente.
Por unha banda, explica R, os que teñen un produto con 15 Mbps, aumentarán tanto a velocidade de descarga como a de subida, a 20/2 Mbps. E prosegue: “Mentres, os que teñen 50 Mbps dobrarán tanto a baixada (downstream) como a suba (upstream) e contarán cunha conexión de 100/10 Mbps; e, por último, os que xa contan con 100 Mbps a día de hoxe, verán rebaixada a súa factura”.
Segundo explica R, estas “conexións ultrarrápidas” están xa habilitadas en máis do 95% da rede de seu, e a comezos de ano, durante os tres primeiros meses, poderán facerse realidade na totalidade dos fogares e empresas conectadas á rede da empresa. A día de hoxe, engade a compañía, poden contratar xa estes servizos preto de 900.000 usuarios (domicilios e firmas privadas), o que veu posibilitado, en gran medida, polo investimento realizado pola empresa nos últimos dez anos: 890 millóns de euros, dos que 28 viñeron a través do Plan de Banda Larga da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Volvendo aos aumentos de velocidade cos que se comezou esta nova, engadir que a previsión é ir facéndoo de maneira gradual. Pero iso si: de xeito automático e sen incremento nos prezos, indica R. E afectando tanto a particulares como a empresas. “Deste xeito”, explícase, “un cliente que dispoña de dúas liñas móbiles do operador galego con cota, só pagaría 39,9€+IVE (prezo final) polo seu combo fixo con 100 Mbps, chamadas a fixos gratis, 300 minutos a móbiles de R e 100 minutos a móbiles por ter factura electrónica, e televisión en aberto”.
R incrementa a velocidade das súas conexións á Rede de 15 e 50 Mbps a 20 e 100 Mbps
Compartir Este Artigo
