Recoñecida a nivel internacional unha das impresoras estrela que achega a firma galega Foga

xoves, 27 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa Foga, con sede en Compostela, vén de informar dun importante recoñecemento relativo aos produtos e servizos que distribúe, centrados sobre todo nas solucións informáticas, na reprografía e nas redes. Máis polo miúdo, o recoñecemento é para a impresora Bizhub PRO C6000, da casa Konica Minolta, que Foga comercializa de xeito oficial e exclusivo na capital galega. O devandito aparello tecnolóxico, en concreto, foi nomeado o mellor do ano na súa categoría (impresoras de papel cortado) por parte da Asociación Europea de Prensa Dixital (EDP), unha entidade integrada por algunhas das publicacións dixitais máis senlleiras a nivel europeo.
Segundo informa Foga, a Bizhub PRO C6000 é unha prensa dixital dirixida a profesionais das artes gráficas, imprentas e axencias de publicidade, así como a oficinas cun alto nivel de produción. Este sistema, engade a empresa galega, ofrece unha resolución de 1.200 x 1.200 ppp con cores de 8 bits. Permite, ademais, imprimir ata 60 páxinas por minuto e o manexo de papel de ata 300 gramos, achegando unha ampla gama de acabados.