Rodolfo Carpintier participará na vindeira edición de Iniciador Galicia

martes, 9 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Carpintier ten participado noutros encontros de Iniciador fóra de Galicia

O venres 19 de febreiro ás 19:00 horas principiará na Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense a vindeira edición de Iniciador Galicia, encontro de emprendedores de base tecnolóxica que nesta ocasión debaterán sobre as complicacións de iniciar unha aventura empresarial na Internet con Rodolfo Carpintier, considerado un dos país da Internet en España (formou parte de Servicom, o primeiro provedor de acceso á Rede que chegou aos 50.000 clientes de pagamento e foi vicepresidente da incubadora de Negocios Netjuice, axudando á creación de proxectos coma SportArea, Kelkoo, Baquía, VíaCarla ou GolfSpain), que actualmente é conselleiro en XPLANE, investidor en BuyVIP e director de DAD.
Carpintier agarda que a súa participación sexa moi interactiva, ao puro estilo dun obradoiro de creación de empresas, polo que anima ás novas empresas ou equipos con proxectos que aínda estean a xermolar que remitan documentación por correo electrónico para poder compartir impresións durante o evento presencial que terá lugar en Ourense.
A asistencia ao evento pode confirmarse tanto por e-mail coma a través de Facebook, e está patrocinado por BiboBido.com.

PUBLICIDADE