
Comezaron forte, asegurando que sentíanse orgullosos por ter creado unha nova categoría de produto co seu GALAXY Note (móbil con pantalla de grande tamaño ao que non paran de saírlle imitadores), de aí que, despois de que o director de cine Wim Wenders aparecese polo escenario lembrando as posibilidades do tablet Samsung GALAXY Note 10.1, se animasen a presentar o Samsung GALAXY Note II, terminal que eleva a súa pantalla ata as 5,5 polgadas, empregando un panel de alta definición Super AMOLED que ao adoptar unhas proporcións de 16:9 resulta máis axeitado para o consumo de contidos multimedia.

Cámara compacta con Android 4.1
Hai uns días tamén falamos da Nikon Coolpix S800c, cámara que destacaba por integrar Android 2.3, e que parece que finalmente vai pasar desapercibida, por verse eclipsada pola nova Samsung GALAXY Camera, que será unha cámara dixital compacta de 16 Mpíxeles e zoom óptico de 21x que integra unha pantalla táctil de alta definición, Android 4.1, Wi-Fi e incluso 3G/4G, que tanto permite disparar grandes fotografías como compartilas dun xeito moi áxil a través da Rede ou entre outros dispositivos a través de Wi-Fi Direct, á vez que permite aplicar numerosos filtros e efectos e mesmo executar aplicacións descargadas de Google Play ou da tenda Samsung Apps. Entre as súas prestacións máis interesantes estaría a posibilidade de que a cámara faga copia automática das fotografías que tomemos na nube e o control por voz (de xeito que podemos axustar o zoom e disparar mediante ordes orais).
Samsung ATIV, a marca de Samsung para dispositivos baseados en Windows

Para combinar as prestacións de tablets e ordenadores portátiles Samsung propón os seus equipos ATIC Smart PC e ATIV Smart PC Pro, capaces de funcionar con Windows 8 (e con Windows 7, pois son ordenadores completos) e que contan con teclados extraíbles, facendo doado mudar entre un funcionamento tipo tablet ou tipo portátil. Veñen con pantallas táctiles de 11,6 polgadas, que tanto poden controlarse con ata 10 dedos ou co novo S Pen. Tamén contan con cámaras traseira e frontal. Ambos equipos contarían con 2 portos USB 2.0 no teclado, miniSD e mHDMI, e diferenciaríanse en que o ATIV Smart PC funcionaría cun procesador Intel Atom e un par de portos USB 2.0, mentres que o ATIV Smart PC Pro podería equiparse ata cun procesador Intel Core i5 e contaría con 2 portos USB 3.0. Pola contra, en autonomía a versión Pro só aguantaría ata 8 horas, mentres que o modelo máis cativo aguantaría ata 14 horas, autonomía máis que respectable para un equipo deste tipo.
Dende Samsung tampouco esquecen os tablets con procesador ARM con Windows RT (gama de produtos na que algúns fabricantes non se atreven a entrar ante o medo de que o Surface de Microsoft teña un prezo demasiado competitivo), e o Samsung ATIV Tab sería así un tablet con pantalla de 10,1 polgadas, 8,9 milímetros de grosor, 570 gramos de peso e batería de 8.200 mAh que podería resultar ideal para os usuarios que desexen un equipo de grande mobilidade que, sen deixar de ser un tablet, tamén poida empregarse para usos ofimáticos.
Para completar a gama ATIV tamén presentaron o novo smartphone Samsung ATIV S, que funcionará con Windows Phone 8 e ten un procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, conectividade HSPA+ e pantalla Super AMOLED de alta definición e 4,8 polgadas de diagonal.
Xa fóra da familia ATIV, tamén quixeron aproveitar a ocasión para lembrar que os portátiles Samsung Notebook Series 9 resultan ideais para o emprego de Windows 8 pois, aínda que carecen de pantalla táctil, teñen un grande touchpad que facilita o manexo do novo sistema operativo de Microsoft. Este tipo de equipos entrarían dentro do que coñecemos como Ultrabooks, polo que é de agardar que tamén consigan facerse un oco no mercado, pois están converterse nos equipos portátiles máis demandados polos consumidores que buscan o equilibrio entre potencia e mobilidade.
