Sanción de 300.000 euros ao Concello de Málaga por ofrecer Wi-Fi de balde

martes, 23 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

A Comisión do Mercado de Telecomunicacións (CMT) impuxo ao Concello de Málaga unha multa de 300.000 euros por ofrecer servizos de comunicacións electrónicas sen estar inscrito no rexistro de operadoras, no que consideran que trátase dunha infracción moi grave ao explotar unha rede pública de comunicacións e prestar servizo sobre a mesma coma provedor de acceso á Internet sen presentar ante a CMT a notificación pertinente.
Esta sanción prodúcese despois de que, tras consultar ante a CMT o Concello de Málaga a posibilidade de ofrecer Wi-Fi aos seus cidadáns, respondéuselle que para iso era preciso que se constituíran coma operador, pero dende o consistorio decidiron facer ouvidos xordos, e camuflar a súa rede sen fíos Biznaga de autoprestación, ou sexa, comunicando á CMT que só era unha rede sen fíos instalada en 40 edificios municipais para uso interno e con limitacións, o que resultou ser falso.
Dende a CMT advirten da importancia de inscribirse como operador para dar servizos de acceso á Internet, pois os organismos que queren facer tal teñen que seguir unhas normas, coma evitar a competencia desleal coas operadoras privadas, ás que un acceso de balde sen limitacións pode supor un prexuízo importante.
O expediente malagueño foi longo, e durante un ano e medio a CMT estudou as condicións nas que estábase a explotar a rede Biznaga, concluíndo que en moitos puntos estaba a funcionar coma un acceso á Internet por Wi-Fi de balde, como en instalacións deportivas, teatros ou museos, o que está claramente fóra do ámbito da autoprestación (para a que non sería preciso darse de alta coma operador).
Actualmente xa hai cidades que ofrecen servizos Wi-Fi de balde, coma Barcelona ou Avilés, pero nestes casos sométense ás normas de CMT para non lesionar o mercado das telecomunicacións.