Smarnet posibilitará o seguimento en tempo real da nosa frota pesqueira de baixura

venres, 5 de agosto do 2016 Fernando Sarasketa

O proxecto galego Smarnet (encamiñado a aplicar metodoloxías smart no ámbito litoral e da pesca) segue adiante cumprindo a planificación programada polas catro empresas responsábeis da súa posta en marcha e desenvolvemento: SIVSA, Scio IT, Itelsis e Ocean Vision, xunto co Centro Tecnolóxico Gradiant e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). Así nolo contou estes días a firma SIVSA, lembrando que o obxectivo do proxecto é crear unha plataforma de servizos orientada ao mundo do litoral costeiro. “Grazas a esta plataforma”, explican fontes de SIVSA, “será posíbel realizar un seguimento en tempo real da nosa frota pesqueira de baixura, así como das súas capturas ou os tripulantes a bordo”. Ademais, achegará a comezos de 2017 unha rede social específica sobre cuestións marítimas galegas.
Para facernos unha idea do alcance concreto de Smarnet, a compañía galega SIVSA explica que grazas aos desenvolvementos tecnolóxicos do proxecto, “os pescadores disporán de aplicacións móbiles para coñecer a posición dos seus aparellos de pesca, recibir recomendacións de lugar de fondeo ou consultar condicións oceano-meteorolóxicas”. Esta información será de especial relevancia para os traballadores do mar, xa que facilitará ao máximo o seu labor cotián, incrementando non só a eficiencia, e eficacia ou a rendibilidade, senón tamén a seguridade (un dos obxectivos é acadar unha condicións de traballo moito máis fiábeis que as conseguidas até o de agora con outras tecnoloxías previas e análogas).

Smarnet a día de hoxe

Smarnet, segundo nos contan dende o consorcio empresarial que lle dá forma e sustento, vén de rematar a súa fase de estudo e definición. Os esforzos despregados ao longo do segundo semestre de 2016 irán destinados ao desenvolvemento dos servizos básicos da plataforma. Tamén verán a luz as primeiras aplicacións, en forma de prototipos, como a sensórica e dispositivos de seguridade que se instalarán nos barcos, ou as boias con balizas GPS.
Polo que respecta aos labores para materializar a Rede Social de Mar, outra das liñas de traballo de Smarnet, sinalar que xa están en marcha. Ao abeiro desta rede e mediante unha aplicación móbil para dispositivos iOS e Android, fornecerase unha canle de comunicación específica sobre cuestións marítimas galegas. A comunidade en liña será botada con case total seguridade ao longo do primeiro trimestre de 2017.

PUBLICIDADE