Só o 8,5% dos nosos universitarios cursa carreiras do eido científico-tecnolóxico
luns, 14 de decembro do 2015
Fan falta
máis profesionais científicos e tecnolóxicos. Esta é unha das
conclusións que se poden tirar dun
informe acabado de presentar na Cidade da Cultura (Estudo sobre os
factores influentes na elección dos estudos científicos,
tecnolóxicos e matemáticas en Galicia) e impulsado a través da
Axenda Dixital de Galicia 2020. Nun plano máis concreto, dise na
investigación que hoxe en día só o 8,5% do alumnado matriculado no
sistema universitario galego cursa carreiras relacionadas cos ditos
estudos. Que panorama achega isto? Pois, para comezar, un panorama
onde se rexistra, xa, máis demanda ca oferta de profesionais da
investigación e das tecnoloxías. As cousas (esta falta de vocacións
polas enxeñarías, a ciencia, o informático) están así na nosa
terra pero tamén no resto de Europa e en boa parte do mundo. Segundo
se fixo saber na presentación do estudo, hai cifra concreta para o
déficit de profesionais destes ámbitos que se requiren hoxe para
cubrir baleiros en Europa: 900.000 (datos da Comisión).
Polo
tanto, prosegue investigación, no vindeiro lustro o índice de
titulados nas universidades galegas nos ditos estudos non será de
abondo como para cubrir a demanda de profesionais TIC. Segundo se
apunta no informe nun plano máis concreto, dos 10.000 alumnos
titulados nas tres institucións educativas superiores da nosa terra
en 2014, só 753 cursaron carreiras científico-tecnolóxicas, unha
tendencia que vai máis e que se mantén, guindando cifras cada vez
menores, dende 2010. Este proceso, como dixemos, atopa o seu reflexo
inverso na demanda de profesionais TIC das empresas galegas, estatais
e europeas, que é cada vez maior.
A
presentación contou coa presenza de Mar Pereira, directora da
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA),
Manuel Corredoira, director xeral de Educación, e Sergi Biosca,
director de Administracións Públicas da consultora Everis. Ademais,
avaliando a investigación punto por punto, participou Sergio Marco,
coordinador do estudo desenvolvido para a Axenda Dixital 2020 e
xerente na Área de Innovación de Everis. Segundo lembraron os
representantes desta empresa, as cifras de vocacións son
preocupantes, tanto nos mozos coma nas mozas, aínda que si que é
verdade que son especialmente baixas entre a poboación feminina.
Por porcentaxes, sinalou Marco, só o 40% dos estudantes
pre-universitarios comeza a decantarse dende Secundaria e Bacharelato por carreiras
científico-tecnolóxicas, o 14% sinala que non o ten claro e o 46%
inclínase por percorrer outros camiños docentes e profesionais. Por
xéneros, sinalou Marco, as rapazas diríxense moito menos cós homes
cara este tipo de carreiras e isto “xa lles queda claro, a moitas
delas, dende a contorna de Secundaria”. O resultado de todo isto: o
sector tecnolóxico está hoxe en día perdendo un importante
potencial laboral, o potencial feminino, que resulta imprescindíbel
para o seu desenvolvemento.
Everis
tamén lembrou na presentación que “amais dun risco de fenda de
xénero”, dáse no sector TIC o risco de perpetuar unha fenda de
tipo social, xa que é moi superior a presenza de mozos de alto nivel
socioeconómico nas carreiras técnicas, tecnolóxicas e científicas.
Os factores máis importantes na toma decisións son, por esta orde,
os pais (no 79,9% dos casos), a Internet (no 66%) e os amigos (no
45%). Segundo lembrou a empresa, no caso galego está a xogar un
papel moi importante, en positivo, o proxecto de dixitalización das
aulas Abalar, porque por unha banda incide nun incremento das
habilidades TIC dos escolares e, pola outra, mellora a opinión que
teñen das novas tecnoloxías as nais e os pais.
Máis
datos
O estudo en cuestión foi elaborado
por Everis, dentro dos seus compromisos como empresa asinante do
Pacto Tecnolóxico de Galicia. As tres entidades que colaboraron na
súa elaboración foron AMTEGA, a Consellería de Educación e
Everis. Este informe é unha das iniciativas da Axenda Dixital de
Galicia 2020 para impulsar as vocacións tecnolóxicas e dar resposta
á demanda de novos perfís dixitais que demanda o sector. Para
atopar a causa da falta de vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía,
Enxeñerías e Matemáticas), o estudo, realizado a partir dunha
mostra de 5.120 estudantes de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato de 40
centros educativos da Comunidade, identifica unha serie de variábeis
que inflúen nos alumnos á hora de elixir o seu itinerario
formativo: o propio alumno, a contorna próxima, a contorna educativa
e a contorna social. Sobre estes mesmos ámbitos, o estudo propón
diferentes liñas de actuación para contribuír ao incremento de
vocacións TIC.
O informe pon de manifesto que case
o 40% dos estudantes non se senten capaces de cursar este tipo de
estudos. Unha falta de autoconfianza que se incrementa no caso das
alumnas, xa que só o 54% ven capacitadas para estudar unha carreira
do ámbito TIC fronte ao 74% dos alumnos. A vocación é a motivación
principal dos alumnos (92%) para a elección do tipo de estudos,
seguido da utilidade e da facilidade. O informe tamén lembra que o
contexto do alumno “é o principal condicionante no momento de
elección de estudos STEM”. Así, a influencia das nais e pais
sería a máis relevante para tomar unha decisión sobre formación,
segundo declararon o 79% dos alumnos.
O informe tamén indica que malia
que en xeral os alumnos asocian os estudos e profesións STEM a
traballos ben remunerados e cun gran impacto social, hai unha
porcentaxe de estudantes que descoñecen esta realidade, polo que se
considera preciso incidir sobre dous elementos como son o prestixio e
a utilidade social.
O informe completo, que está a
servir ao Goberno galego para impulsar medidas concretas de choque
(destinadas por exemplo a mudar a percepción da mala relación
esforzo-beneficio que existe arredor deste tipo de estudos) está
dispoñíbel no portal da AMTEGA, amtega.xunta.gal/documentos.