Un estudo do CCII confirma o pleno emprego para os profesionais da informática

luns, 20 de abril do 2015 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, nunha imaxe de El Correo Gallego de Antonio Hernández

Unha vez máis, confírmase o que xa se sabía: os estudos relacionados coa informática sitúanse hoxe en día entre as mellores opcións posíbeis da nosa mocidade cara ao ámbito do emprego. Cara a isto apunta, precisamente, o Estudo nacional sobre a situación laboral do dos profesionais do sector tecnoloxías da información, presentado a semana pasada en Madrid. O informe confirma a nivel estatal, como dixemos, o alto nivel de empregabilidade informática amosado por estudos xa feitos dende hai anos na nosa terra polo CPEIG e o CPETIG, ou polo presentado o ano pasado polos enxeñeiros en informática. Por certo que na presentación en Madrid participou o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
A investigación da que estamos a falar veu da man da Xunta de Goberno do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Informática (CCII, nas súas siglas en castelán), na que Suárez Lorenzo é vicepresidente primeiro. O documento está xa dispoñíbel na web do CCII.
O informe sinala entre outras cousas que os profesionais TIC españois están en niveis de pleno emprego, cunha inserción laboral do 94% dos titulados e profesionais enquisados. Sinálase tamén que a porcentaxe de ocupación entre homes e mulleres case non amosa diferenzas (94,2% fronte a 93,5%, respectivamente); que a medida que aumenta a idade, descende a ocupación, cun 96,3% de ocupados de ata 30 anos fronte un 91,1% maiores de 45 anos, e que a maior nivel de formación, máis ocupación.
Segundo o CCII, estes datos poñen de manifesto a oportunidade de emprego que supoñen as profesións TIC en todos os seus niveis de cualificación, na liña das previsións da Comisión Europea, e a importante porta para o mercado laboral que constitúen para a mocidade.
O perfil de profesional TIC que reflicte o estudo é o dun home de 37 anos con titulación superior relacionada coas TIC, traballador por conta allea con contrato fixo e a xornada completa, e cun salario medio que vai desde os 18.000 aos 30.000 euros ao ano. O estudo recolle tamén un elevado nivel de insatisfacción (61%), motivado sobre todo polo desexo de progresar na profesión cara a postos de maior responsabilidade e remuneración.
Os postos de traballo predominantes entre os enquisados son os de programador (20,9%), xefe de proxecto (20,7%) e analista, arquitecto ou similar (17,1%). Ademais, a meirande parte son empregados ou autónomos (59,2) e tamén son moitos os que teñen ao seu cargo un equipo de traballo (52,4%). Canto á mobilidade laboral, só un 34% das persoas enquisadas saíu da súa Comunidade Autónoma para atopar un posto de traballo, a metade delas na busca dun emprego mellor do que tiñan.
Nas conclusións do estudo, o CCII salienta a existencia de “extraordinarias oportunidades de desenvolvemento de políticas públicas e iniciativas sectoriais” nos ámbitos educativo e empresarial “para aproveitar este escenario”. E engádese: “As profesións TIC teñen un enorme potencial para España en todos os seus niveis” e constitúen “unha grande oportunidade para o emprego e unha dobre posibilidade de creación de riqueza pola súa contribución ao incremento da produtividade e da innovación”.
Polo que atinxe as cousas que fican por facer, o CCII sinala tamén a demanda de profesionais TIC altamente cualificados como “excelente motor de igualdade e fomento da incorporación das mulleres” a un “colectivo aínda moi masculinizado”. No informe apúntase pois á necesidade de pór en marcha máis e mellores accións orientadas especificamente ás mulleres para incidir nos devanditos obxectivos.
O estudo realizouse en outubro de 2014 a través dunha enquisa en liña entre máis de 3.000 titulados e profesionais TIC de todo o territorio estatal, agás as cidades de Ceuta e Melilla.
Como dixemos, os resultados do Estudo nacional sobre a situación laboral dos profesionais do sector das tecnoloxías da información veñen corroborar os datos obtidos polo Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática realizado con anterioridade en Galicia, da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia. O informe xa reflectía a alta empregabilidade dos enxeñeiros galegos, cun 91,77% traballando.

PUBLICIDADE