Unha aplicación galega de xadrez para Android destaca no Google DevFest Barcelona 2011

mércores, 9 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Onte tivo lugar o Google DevFest Barcelona 2011, evento ao redor das distintas tecnoloxías de Google, de xeito serviu para abordar temas como Google+, Google Chrome e Android, dende o punto de vista do desenvolvemento de produtos e servizos en tal contorno e, para rematar o encontro, presentáronse varios proxectos: o xestor de bufetes na nube Nubbius; a guía de praias multilingüe Mallorca Beach; o xogo de xadrez Mobialia Chess; a guía de teléfonos social 11870.com, a aplicación meteorolóxica UK weather, fonYou (que está detrás do servizo de Movistar Segunda Linea); o xogo de fútbol Striker Soccer; o navegador on e off-road TwoNav e o localizador de bicicletas de aluguer CityBikes.
Os proxectos presentados competían entre si, e prácenos o feito de que o gañador fose Mobialia Chess, posto que é obra do galego Alberto Alonso Ruibal, e podemos descargar este cliente de xadrez do Android Market tanto nunha versión de pagamento (1,99 euros) como nunha versión lite que está financiada mediante publicidade. Aparte da honra que supón este recoñecemento, Ruibal tamén fíxose cun móbil Galaxy Nexus como premio pola súa aplicación.


Presentación realizada por Ruibal no Google DevFest

Mobialia non só ten o seu xogo de xadrez no Android Market, senón que tamén ten dispoñibles numerosas aplicacións de balde para a súa descarga, como os xogos Conecta 4, Connect 4 3D e Preguntas de Trivial, e aplicacións de grande utilidade como Gasolineras España e Wikiplaces, entre outras.

PUBLICIDADE