O CiTIUS, centro TIC da Universidade de Santiago, segue a converterse por dereito propia nunha das grandes factorías de investigación e desenvolvemento tecnolóxico-dixital dos ámbitos galego e estatal. Este luns volve a confirmalo tras coñecerse a nova de que unha investigadora do centro TIC, Paula López Martínez, vén de acadar o primeiro título de propiedade industrial dunha topografía de semicondutores para unha universidade española. Segundo informa a USC, este tipo de transistores teñen potencial para o deseño de compoñentes para satélites ou para recursos de medicina nuclear. En definitiva, circuítos de alta velocidade e baixo consumo de potencia que achegan como un dos seus principais puntos fortes, precisamente, a súa fortaleza.
Esta característica é aplicable tamén a eidos onde se concentren grandes cantidades de radiación. Por exemplo: no eido das comunicacións por satélite.
“A topografía de semicondutores”, engade a Universidade, “serve neste caso para protexer unha estrutura que emprega transistores tipo “donut” con xeometrías cadrada, hexagonal e octogonal para amplificadores de alta velocidade e que presentan maiores prestacións que os transistores de topoloxía convencional”.
Paula López forma parte do Grupo de Visión Artificial do CiTIUS, que conta cunha ampla experiencia no deseño e fabricación de circuítos integrados para tarefas de visión artificial, tales como cámaras de alta velocidade e sistemas de videovixilancia.
Unha investigadora do CiTIUS logra o título de propiedade industrial cunha topografía de semicondutores con prestacións para satélites
Compartir Este Artigo

