Vodafone achega as súas sesións Fast Forward á Coruña

venres, 26 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Vodafone España organiza en colaboración con SanDisk, MuyPymes, Google, IberCaja, SAGE e AECO as Fast Forward Sessions, que durante 6 meses percorrerán 15 cidades onde celebran sesións para axudar a profesionais e empresas con todo o necesario en innovación e tendencias para que avancen cara ao seu éxito, e a vindeira das mesmas celebrarase o vindeiro xoves, 3 de marzo, de 10:00 a 13:00 horas, na cidade da Coruña, concretamente nas instalacións de PALEXCO, no Peirao de Transatlánticos.
Este encontro mesturará un caso de éxito, un par de obradoiros, unha mesa redonda e oportunidades de networking, de xeito que os asistentes poderán nutrirse de coñecemento e contactos para poder progresar nos seus proxectos empresariais.

Frankie Gómez (ConfirmSign) será un dos relatores desta xornada

O programa da Fast Forward Sessions na Coruña repártese do seguinte xeito:
10:00 – Recepción de asistentes
10:15 – Benvida e presentación das Fast Forward Sessions
10:30 – Caso de éxito: Emprender en dixital con Frankie Gómez (ConfirmSign)
10:50 – Obradoiro 1: Google Adwords para impulsar o teu negocio con Ramón Romero Boquete (consultor en SEO, SEM e SMO)
11:20 – Obradoiro 2: Como posicionar a túa empresa a través das redes sociais con Andrea Villa Feijoo (xornalista experta en comunicación dixital e xestión de redes sociais)
11:50 – Q&A e mesa redonda: Como pode a nova economía da Internet transformar os sectores tradicionais? con Frankie Gómez, Ramón Romero Boquete e Andrea Villa Feijoo
12:20 – Fast-snack e actividade de speed-networking
13:00 – Despedida e peche
Esta actividade, pese a ser de balde, ten un aforo limitado, polo que os interesados en participar deberán inscribirse vía web.