Voluntariado Dixital xa conta con 137 participantes e 36 entidades inscritas

martes, 20 de marzo do 2012 Redacción

Mar Pereira e Ovidio Rodeiro na posta en marcha do proceso formativo do programa

O Programa de Voluntariado Dixital, dirixido a tirar proveito da solidariedade galega no camiño da e-alfabetización, comezou xa o seu plan formativo. A primeira xornada estase a celebrar este martes 20 de marzo no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, contando coa presenza dos responsábeis dos departamentos autonómicos que fixeron posíbel o programa e máis das persoas e entidades que xa están inscritas no mesmo coa arela de compartir o seu coñecemento coa cidadanía. O módulo primeiro centrouse na definición dos obxectivos e o alcance do devandito programa, que vén da man da Secretaría Xeral de Modernización e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e que se encamiña, sobre todo, a loitar contra a exclusión dixital de persoas maiores (buscándose chegar a 3.500 delas ao longo deste ano) e con diversidades funcionais (abranguendo no mesmo período a oito federacións destes colectivos).
A xornada foi inaugurada por Mar Pereira e Ovidio Rodeiro, responsábeis de Modernización e Xuventude, que fixeron fincapé nas cifras coas que arranca o proceso docente: 137 voluntarios dixitais e do persoal técnico de 36 entidades adheridas. Tamén lles lembraron aos presentes as tres forzas que xunta o programa para conseguir unha forza maior e de longo alcance: solidariedade individual, responsabilidade social das empresas e infraestruturas para dar cabida e canalizar a acción divulgativa.
Volvendo á liña formativa que comezou este 20 de marzo, dicir que incluirá até seis módulos cun total de 140 horas de contidos, presenciais e en liña, a través das aulas da Rede CeMIT, un dos piares, precisamente, do que será o desenvolvemento posterior do Programa. “Unha vez rematada a formación básica, na segunda semana do mes de abril”, fixeron saber, “as persoas voluntarias poderán comezar a súa actividade, aínda que recibirán formación continua até xuño”. En labores de coordinación, a iniciativa contará coas achegas de VolDixital, encargándose de canalizar a oferta de voluntarias e voluntarios e máis os requirimentos que realicen as entidades voluntarias.
Responsabilidade social das empresas
Como dixemos, ademais da solidariedade individual, súmase a responsabilidade social das empresas TIC e organismos públicos e privados. Modernización e a Dirección Xeral de Xuventude salientaron que, amais dos voluntarios e as entidades de voluntariado xa se comprometeron a participar no programa un total de 12 organismos colaboradores, que son institucións públicas e privadas cuxo papel é o de apoio e soporte ao programa de maneira continua e duradeira. Arestora participan: do eido universitario e formativo das persoas maiores, a Universidade Sénior (UDC), a Asociación Cultural Galega de Formación permanente de adultos ATEGAL; do eido asociativo das persoas maiores: a Federación Territorial de Asociacións de Pensionistas e Xubilados UDP; do ámbito Asociativo Persoas con Discapacidade: as oito entidades integradas na entidade CERMI Galicia - COGAMI, FADEMGA-FEAPS Galicia, FAXPG, ONCE, FEAFES Galicia, DOWN Galicia, AUTISMO Galicia e FEGADACE; e dos Colexios Profesionais, o Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia.
Ademais, un total de 13 empresas tecnolóxicas xa manifestaron os seu compromiso e o seu apoio. Son as seguintes: 3.14 Financial Contents, Bahía Software, Balidea, Ednon, Everis, Igalia, INFOJC, Level Telecom, Plexus, Quobis, Tecnocom, Training Channel e Visual Publinet S.L.
Infraestrutura de aulas públicas
O Programa de Voluntariado Dixital nútrese dos centros e equipamentos dos que dispón a Administración autonómica con capacidade para acubillar formación TIC. Ao seu abeiro, póñense en xogo 98 centros da Rede de aulas CeMIT, as máis de 300 bibliotecas públicas, os 79 centros sociocomunitarios, os 81 centros CeDIM e outros recursos que poñan á disposición do programa tanto os mecenas como as entidades colaboradoras.
Obxectivos 2012
Segundo fixeron saber Mar Pereira e Ovidio Rodeiro, os obxectivos para finais de ano son acadar a colaboración de 200 voluntarios, 100 entidades colaboradoras, entre entidades de acción voluntaria, empresas e outras entidades, e chegar a catro colectivos en risco de exclusión dixital.
Convocatorias semestrais a través da web
O desenvolvemento do programa divídense en dúas convocatorias, a primeira que se pechou o pasado 29 de febreiro, e unha segunda convocatoria que se lanza en setembro. Nesa data repetirase o proceso e tanto as entidades de acción como os voluntarios poderán incorporarse ao programa a través da web voluntariadodixital.xunta.es. A adhesión das entidades públicas e privadas e as empresas realizarase a través da sinatura dun convenio.

PUBLICIDADE