Windows XP poderá instalarse en equipos novos ata 2014

martes, 13 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Coma un gato con sete vidas, o Windows XP resístese a desaparecer, e aínda que o normal era xustificar as prórrogas do soporte de XP pola chegada dos ordenadores ultraportátiles de baixo custo, incapaces de funcionar cun bo rendemento con Windows Vista (e que agora parecen estar a comportarse bastante ben con Windows 7), agora vemos que iso foi un espellismo, e o auténtico motivo para manter vivo a Windows XP é que actualmente o 74% dos equipos informáticos corporativos aínda funcionan con ese vello sistema operativo de Microsoft.
Así, aínda que estes días Microsoft abandone o soporte de Windows XP SP2, tamén anuncian que a posibilidade de adquirir copias de Windows 7 reducibles a XP manterase ata finais de 2014 (o soporte de Windows XP SP3 rematará en abril dese mesmo ano), o que facilitará ás empresas que aínda non mudaran a Windows 7 manter todos os seus equipos co vello XP (facilitando así a súa administración, aínda que supoña manter grandes redes informáticas ancoradas no pasado).