Xornal de Galicia pon atrancos á súa propia páxina web

xoves, 22 de outubro do 2009 Marcus Fernández

En decembro de 2008 o Xornal de Galicia asumiu o dominio Xornal.com (ata o momento, medio dixital independente) para modificar a súa imaxe o pasado mes de marzo no que aseguraban que era unha medida de proximidade aos lectores, polo que sorprende que hoxe comecen a remar no sentido contrario, anunciando que na súa páxina web retrasan a publicación das súas novas exclusivas, que poderán lerse antes na súa edición impresa, co que buscan mellorar as súas vendas.
Definen este cambio de rumbo como unha «innovación periodística», cando entre os seus lectores parece haber unanimidade en que é xusto o contrario, en un momento no que os medios impresos avanzan cara á súa dixitalización, reforzar as edicións físicas resulta unha medida retrógrada.
A información coa que estrean a nova política do Xornal de Galicia é relativa ao caso Gürtel e, máis concretamente, á situación de Pablo Crespo coma conselleiro de Portos de Galicia, aínda que a omisión destes detalles en Xornal.com parece un erro evidente, pois outros medios de comunicación (tanto tradicionais coma en liña) están a falar desta nova, polo que a forza da exclusividade perdeuse totalmente, desvalorizando a edición electrónica do Xornal de Galicia.
En relación coas informacións embargadas, José Luis Gómez, director de Xornal de Galicia, asegura que «os lectores de Internet tamén terán estas novas pola tarde, pero pola mañá pretendemos ofrecer un plus aos lectores que compran cada día o xornal, sexan no quiosco o mediante subscrición. Sen eles non serían posibles esas exclusivas, xa que non habería xeito de pagar aos xornalistas que escriben reportaxes así», resultando un tanto discutible a súa última afirmación.

PUBLICIDADE