20 persoas reúnense en Anceu para dixitalizar o seu sistema de xestión comunitaria da auga

martes, 2 de setembro do 2025 S. P.

Ata o vindeiro domingo, día 7, unha vintena de persoas vindas de distintas ramas como enxeñería, deseño de produto, UX, dixitalización, mediación ou audiovisual participan nun hackaton na aldea de Anceu (Ponte Caldelas, Pontevedra). O obxectivo é xerar un sistema dixital de xestión comunitaria da auga da aldea. As súas tarefas centraranse en idear, prototipar, desenvolver, testar e lanzar este modelo dixitalizado que poderá ser replicado en máis de 1.500 aldeas.
As pezas clave do equipo
Na actualidade, Olga Aranda e Rosabel García son as pezas clave do equipo que sostén o sistema comunitario de auga na aldea de Anceu (Ponte Caldelas). Cada 3 meses rexistran e contabilizan casa a casa o consumo de auga (len 400 contadores), controlan o estado do depósito municipal, detectan posibles consumos irregulares e, tamén, analizan a calidade das augas. Mantéñeno actualizado, en orde e tamén cun prezo moi económico: 85 euros por vivenda ao ano. O pequeno equipo encargado de vixiar o nivel dos cinco mananciais da zona que abastecen ao municipio rexistra todo en varios libros físicos. Este sistema manual precisa para manterse no tempo e garantir as mesmas condicións económicas dunha aplicación tecnolóxica, en forma de sistema de rexistro integral, que se abordará estes días de traballo colectivo.

Rural Hackers

Rural Hackers impulsou a celebración deste hackaton. Esta é unha organización sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é usar a tecnoloxía e a comunidade como ferramentas contra o despoboamento rural. E demostrar, así, que no rural tamén cabe a innovación. Na presentación do proxecto, Rural Hackers advertiu de que o saber común que conseguiron realizar durante as últimas décadas na aldea de Anceu ten que pervivir cun bo sistema de documentación, “e esa solución ten que realizarse xa”. Por iso, incentivaron este encontro en Anceu co fin de construír a solución.
Rural Hackers e a comunidade de xestión de augas non están a idear esta solución en solitario, xa que contan coa colaboración de varias empresas que achegaron os seus produtos ou talento para que o sistema dixital da xestión da auga sexa unha realidade. Next Dixital foi a encargada de elaborar o esquema técnico sobre o que se asentará o resultado final.
Para Jesús Angulo, COO de Next Dixital, colaborar con esta iniciativa foi un “si desde o inicio, xa que nos encantou a formulación da actividade, así como a posibilidade de coñecer sobre o terreo a situación”. Tamén, destaca, “é apaixonante o reto de dar unha solución para colectivos que non son maioritarios pero enfróntanse aos retos do despoboamento, prezo e dixitalización”.

7 días de traballo e unha celebración

Por diante, todas as partes teñen unha semana de traballo colaborativo e común para construír esta solución dixital centrada en crear unha webapp que permita rexistrar toda a información e documentación, rexistrar o seu proceso de traballo, para que perdure e poida “herdarse” de forma sinxela e, por último, que sexan creadas axendas-calendario de tarefas rutineiras, como a realización das analíticas. Isto permitirá facilitar o traballo de Olga e Rosabel, que o sistema se manteña nunha xestión comunitaria, “sen necesidade de empresas distribuidoras e, por tanto, que o custo da auga nesta aldea mantéñase en prezos económicos e populares”, explicaron dende Rural Hackers.
O traballo desta semana comeza co coñecemento da problemática actual, o funcionamento do sistema, a esquematización, ata o desenvolvemento da solución e a súa testeo nunha contorna real. Durante a fin de semana, presentarase a solución conseguida nunha celebración comunitaria, coa presenza de representantes doutras comunidades de augas que poderán beneficiarse desta nova solución tecnolóxica. A partir dese momento, o prototipo quedará funcionando en Anceu para a súa validación.