Un xuíz do estado norteamericano de Florida, Ronald Friedman, trala presentación dunha demanda que pedía a prohibición do xogo Bully de Take-Two Interactive tivo acceso a unha copia do xogo que consiste en tomar o papel dun novo alumno dun instituto no que se producen pelexas, novatadas e outro tipo de actuacións que algúns pais consideraban pouco axeitadas para os seus fillos.
Friedman afirmou que no xogo “hai moita violencia” pero engadiu que hai “menos da que vemos na televisión tódalas noites”, polo que non veu motivo para prohibir o xogo, pois non se pode prohibir un produto (sexa un libro, unha revista, unha película ou un videoxogo) só porque ofenda a algunha persoa.
O xogo comeza a comercializarse en varios países esta mesma semana, e parece difícil que chegue a prohibirse nalgún lugar, especialmente tendo en conta que as críticas por asociacións de pais se produciron sen sequera ver o xogo.
O xogo Bully non se prohibirá en Florida (EE.UU.)
Compartir Este Artigo

