A web de Area Central é estes días e máis ca nunca a principal canle de comunicación do centro comercial compostelán cos seus clientes. O motivo: cúmprense agora 13 anos da posta en marcha deste recinto, e a web ofrece completa información polo miúdo sobre o programa de actividades, que se celebrarán entre o venres 27 de outubro e o 12 de novembro.
A través da devandita páxina (que, por certo, xa recibe máis de 120.000 visitas ó ano e ofrece versión plenamente operativa na nosa lingua), puidemos saber que a vontade da dirección de Area Central é a de non deixar a ningún internauta fóra das celebracións, de aí que –por poñer uns exemplos– as exposicións preparadas cubran eidos tan dispares como o motociclismo (do 27 de outubro ó 12 de novembro de 10.00 a 22.00 horas) ou a arte escultórica (do martes 31 de outubro ó domingo 12 de novembro e co mesmo horario).
Respecto á primeira das mostras, dicir que vai ser posible grazas á cooperación de Expo-Cultur, e que vai orientada non só a satisfacer os gustos e intereses dos seareiros das motos, senón que (por tratarse dunha escolma de motos do mundo e de diferentes épocas) tamén pode converterse nun punto de interese para os afeccionados a ollar cara ó pasado e coñecer outras culturas.
No que se refire á segunda das exposicións, cómpre sinalar que se trata dun conxunto escultórico achegado polo artista ourensán Ramón Conde, de título Matriarcado.
O programa de actividades, que se irá desenvolvendo no real (no propio espazo físico de Area Central) e tamén no virtual (na web do devandito centro) complétase con todo tipo de xogos, música e bailes principalmente orientados para os máis pequenos. Estas actividades celebraranse sobre todo os días 28 de outubro, mércores 1, venres 3 e sábado 4 de novembro, polo serán e a diversas horas (cómpre estar atentos ós horarios no programa na dita páxina web).
Area Central celebra (no real e no virtual) o seu 13 aniversario
Compartir Este Artigo
