
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a sexta edición das Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero, organizadas por Alar Galicia e centradas nesta ocasión na violencia dixital.
O encontro reuniu sete profesionais de diferentes ámbitos relacionados coa violencia de xénero para analizar os retos que presenta a prevención e a intervención ante as novas formas de acoso e violencia a través de Internet e das redes sociais.

Na apertura participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba; e o director de Alar Galicia, Fernando González. O programa incluíu tres mesas redondas dedicadas ao acoso e á violencia dixital, ás agresións nas redes sociais e ás posibles vías de intervención e recursos para facerlles fronte.
Villares salientou a atención que presta a Xunta a esta problemática e lembrou que se atopa en trámite parlamentario a Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital. Trátase dunha iniciativa pioneira en Europa que pretende dar resposta aos novos desafíos derivados do uso de Internet e das redes sociais.
Pola súa banda, Roberto Barba explicou que a futura normativa contempla a creación dun servizo gratuíto de asesoramento para as vítimas, un espazo virtual de información, mecanismos para borrar a pegada dixital e programas de intervención psicopedagóxica dirixidos ás condutas aditivas na rede.
Entre os relatores das xornadas figuraron Graciela Pérez, integrante do Equipo de Muller e Menor da Garda Civil; Encarna Iglesias, presidenta da asociación Stop Violencia de Xénero Dixital; e Eleonora Espósito, investigadora e experta nacional destacada na Dirección Xeral de Redes, Contidos e Tecnoloxía das Comunicacións (DG Connect) da Comisión Europea.
Tamén participaron as psicólogas Silvia Otero, do programa Atenea de Alar Galicia, e Paula Castro, da área de violencia machista de Aliad Ultreia, así como Cristina Reguero, traballadora social de Cáritas Diocesana de Lugo.
Villares e Barba agradeceron o labor de Alar Galicia no apoio ás persoas que atravesan situacións de vulnerabilidade e destacaron a importancia de celebrar encontros deste tipo «para visibilizar a realidade e ofrecer diferentes perspectivas que axuden a avanzar na prevención e loita fronte á violencia de xénero».
