A Consellería de Innovación quere que Galiza converxa coa Unión Europea en materia de afianzamento do emprego das redes da información. Este é –de feito– o gran obxectivo do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) 2007-2010, que segundo anunciou o departamento da Xunta este 4 de novembro estará dispoñible en breve como ferramenta orientada a dinamizar a relación (ata o de agora de baixa intensidade en termos xerais) entre os galegos e Internet.
Máis polo miúdo (informa Innovación), os obxectivos do Plano “pasan pola implantación dunha economía do coñecemento que sirva de base para evolución, económica e social, nos termos de crecemento e emprego referidos dende a Estratexia de Lisboa”.
Cómpre sinalar que o 15 de novembro está prevista unha pre-presentación do devandito plan, que constitúe en si mesmo unha análise polo miúdo da situación da Sociedade do Coñecemento en tódolos sectores galegos.
Esta avaliación previa do Plano significará o punto de partida da base de debate. De feito, engade Innovación, o PEGSI non se aprobará mentres non sexa “consultado e debatido entre expertos da Sociedade da Información de tódolos ámbitos”.
Innovación ultima o deseño do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información 2007-2010 antes de sometelo a debate
Compartir Este Artigo
