Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense) vai ser entre o 16 e o 18 de novembro un centro de difusión de todos aqueles aspectos da ciencia cos que se consigue desenvolver “vocacións” investigadoras entre a mocidade. O motivo? A celebración da Semana da Ciencia (coordinada pola Consellería de Innovación) neste parque tecnolóxico galego, que se festexará con actividades como a mostra Expociencia Tecnópole, que ficará aberta (como dixemos) ata o 18 de novembro. A exposición, que servirá para estimular o espírito investigador de mozos e mozas de toda España, albergará proxectos de I+D de rapaces de 12 anos en adiante. Segundo indica Tecnópole, “os investigadores mozos expoñerán traballos que van dende o eido social ata o medioambiental, pasando polo sanitario e o aeroespacial, en postos abertos ao público nos que eles mesmos explicarán os resultados e as conclusións das súas investigacións”.
Segundo engade Tecnópole, “dende San Sebastián chega un grupo de alumnos que presentará un interesante proxecto sobre a contaminación marítima, no que se analizan as consecuencias medioambientais e sanitarias dos accidentes ocorridos dende os anos setenta ata hoxe e que inclúe un apartado especial sobre o ‘Prestige’, cun diario detallado das mareas negras e os vertidos durante os primeiros meses tras o afundimento do petroleiro grego”.
Cómpre sinalar que tanto a exposición como o resto das actividades da Semana da Ciencia en Galiza pódense seguir de preto na web Diverciencia.org.
Tecnópole organiza a partir do día 16 unha mostra de proxectos de investigadores novos (de 12 anos en adiante)
Compartir Este Artigo
