A protección dos menores é un tema complexo e sempre polémico, pero atribuír ós perigos inherentes á Internet ós dispositivos que permiten o acceso á mesma pode resultar excesivo e, se vemos unha nova que difundiu recentemente a FOX na televisión norteamericana, parece que respondería a intereses ocultos en aras de desacreditar un produto en concreto.
Así, a FOX emitiu unha nova na que advertían ós pais de que os seus fillos poden acceder á Rede a través de Wi-Fi coas súas PSP (ás que deron en chamar PlayStation Porn-able, pola súa capacidade de acceder ó porno que hai na Internet) o que ligaron non só coa posibilidade de que os cativos vexan imaxes de mulleres espidas na escola, senón coa ameaza de pederastas que poderían achegarse así ás súas vítimas, contactándoas a través de xogos en liña, de xeito que “unha rapaza de 13 anos podería ser un home de 52”.
Para ser xustos habería que indicar que todas estas ameazas que apuntan non só están presentes en case calquera conexións de Internet a través dun ordenador, dun teléfono móbil ou doutras consolas de videoxogos portátiles que incluso están a competir no mercado coa PSP, polo que a orientación informativa da FOX parece dirixida a boicotear a comercialización dun consola por motivos descoñecidos.
Agora ben, tampouco está de máis que se advirtan dos perigos que os menores poden atopar na Internet, aínda que iso debería ser unha información que non tivese ningunha ligazón con produtos ou servizos, dado que é algo xenérico. Non sorprende así que a secuencia emitida pola FOX estea a dar tanto que falar entre os blogs de todo o mundo.
A FOX denuncia os perigos do acceso á Internet a través da PSP
Compartir Este Artigo
