Que farías se foses neno e tiveses tempo de lecer? Pode ser o acceso ás novas tecnoloxías un bo xeito de empregalo? A xuízo do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, a resposta é “si”, sempre e cando se usen aquelas para o noso enriquecemento persoal e compartir coñecemento, entre outras finalidades. Este é un dos alicerces do Plan Galecer 2007-2008 presentado este luns 20 por Vicepresidencia en Vigo, no que se lles empresta especial atención ós dereitos da infancia, entre os que se atopa o de acceder do mellor xeito posible ás novas tecnoloxías e ós medios audiovisuais.
O plano ten como obxectivo ampliar e mellorar as áreas de xogo existentes en Galiza, tanto as reais como (a cuestión que nos ocupa) as virtuais. De aí que no paquete de actuacións se inclúan proxectos en colaboración co sector editorial e audiovisual para conseguir que os nenos lean máis e mellor e teñan mellores accesos a recursos audiovisuais. Ademais, sinala Vicepresidencia, “está previsto realizar diversos estudos sobre a infancia en relación aos medios de comunicación e ás novas tecnoloxías, ao tempo que se desenvolverán campañas de sensibilización para un uso non sexista dos produtos de lecer e xogo, especialmente os xoguetes”.
O Plan Galecer de Vicepresidencia empresta especial atención ó dereito dos nenos a ter acceso ás redes
Compartir Este Artigo

