A imaxe e o audiovisual xa nunca serán os mesmos, logo da concorrencia a tódolos niveis do tecnolóxico e, máis concretamente, desa linguaxe baseada en longas e (para algúns) desconcertantes ringleiras de ceros e uns: a dixital. Así están as cousas: hoxe é moito máis barato dedicarse á fotografía ca antes e todo, absolutamente todo, é máis fotografable agora ca hai unha década, tendo en conta a cantidade de xente que vai armada cunha cámara. Ademais, se falamos de audiovisual, os novos formatos e as redes abren e incrementan as posibilidades de difusión e de accesibilidade.
O tema dá para moito, e (coloquialmente falando) collelo polos cornos é o gran obxectivo do Foro Academia Aberta 2006 que vai organizar a Academia Galega do Audiovisual entre o 30 e o 1 decembro, Foro que este ano dedicarase precisamente á cuestión coa que abrimos: Fotografía Dixital. Os primeiros pasos.
En termos da propia Academia, que presentou a xuntanza este venres 24 en Santiago, o encontro vai encamiñado a “amosar como se desenvolve o traballo cinematográfico nos escenarios dixitais emerxentes, os procesos necesarios tanto na pre-produción, a rodaxe e a posprodución para a realización dunha longametraxe –aínda que tamén se poden aplicar a outros formatos como as películas para televisión, as series ou os documentais”.
A xuntanza, que incluirá unha mesa redonda na que se tratará de representar tódolos procesos que implica o dixital, celébrase na sede do Centro Galego das Artes da Imaxe, na Coruña. A continuación, incluímos o programa, facilitado pola propia Academia Galega do Audiovisual.
Os contidos da xornada do 30 pola mañá
Intensas sesións de catro e cinco horas de duración ocuparán o tempo dos asistentes nas xornadas do día 30 e do 1 de decembro. Ás 9 da mañá do día 30, presentaranse os test realizados coa cámara dixital de ARRI D20, empregada por primeira vez en España durante o TEA 2006. Estas probas son test técnicos fotográficos que analizan aspectos como poden ser a latitude, a resolución ou a cor. A presentación desta actividade corre a cargo de Alfonso Parra. Logo, abrirase un debate sobre estas probas, e prepararanse as rodaxes en soporte dixital; para iso, contarase coa presenza de Pol Torrents, director de Fotografía, que amosará os test que foron realizados para a rodaxe da película Salvador; Joan Riedweg, realizador e produtor, amosará algúns dos seus traballos realizados en soporte dixital dende 4K ata o HDV e, posteriormente, o director de fotografía galego Suso Bello, amosará tamén os seus traballos realizados nos formatos dixitais.
Esta sesión, que durará ata as 14.00 horas, implicará o tratamento de temas como a preparación da rodaxe en dixital, a elección da cámara, os factores que determinan o elixir un soporte ou outro, as condicións técnicas e económicas, etc.
A xornada do 30 polo serán
Dende as 16.00 e ata as 20.00 horas, a mesa redonda pretende amosar como se desenvolve o proceso fotográfico dixital na posprodución. Esta mesa, que será moderada por Alfonso Parra, tratará sobre a posprodución dixital e o laboratorio dixital, con Juanjo Carretero. Parte das cuestións que se desenvolverán neste encontro son: que é e cómo funciona o laboratorio dixital, a relación do laboratorio dixital co analóxico tradicional, as tendencias (2K, 4K, sistemas de almacenamento, formatos de arquivos hai estándares?, etc…), etc.
O día 1 ás 10 da mañá
A xornada deste día comezará cunha mesa redonda na que se tratará sobre A cinematografía dixital: situación actual e previsións de futuro. Nela estarán:
Director de fotografía, Alfonso Parra (a.e.c.) (moderador).
Director de fotografía, Paul Torrents.
Realizador e produtor, Joan Riedweg.
Posprodución dixital, Chema Remacha Kinema.
Produtor/distribuidor, Bernard Elías, Mediapro.
Empresas audiovisuais, Nuria Paniagua InfoTV (Membro da xunta directiva de AITE).
Distribución/exhibición, Javier Alonso de Google/ Vídeo.
… e polo serán…
Tamén haberá Mesa Redonda dende as 16:00 horas e ata as 21:00, continuando coa mesma materia comezada na xornada da mañá. Desta volta, os participantes:
Suso Bello. Director de fotografía.
Xavier Eiriz. Director de produción.
Guillermo Represa. Montador.
Miguel Asensio. Produción executiva.
José Alberto. Sonido Área 5.1.
Susana Maceiras. Produtora Adivina Producciones.
As posibilidades do dixital centrarán o Foro Academia Aberta que comeza o día 30 na Coruña
Compartir Este Artigo
