No sector libreiro, hai unha situación que, de tanto repetila os medios de comunicación, os propios libreiros, os editores ou mesmo os escritores, xa semella que se leva dando dende sempre: o sector está en crise.
Non mercamos libros abondo, e incluso a mesma xente á que lle gusta ler opta en moitas ocasións polo empréstimo antes que pola compra mesma, debido ós serios problemas que lles ocasionaría para as súas economías particulares mercar todo o que quixeran (digámolo así: publícanse libros ben caros).
Sexa como sexa, a Federación de Libreiros de Galicia está a poñer en marcha unha serie de medidas (un proxecto global de reconversión) para pór remedio a esta situación, achegándose máis ó lector, dándolle máis facilidades na distribuición e conseguindo tamén librarías máis competitivas.
Para unha parte destas medidas contará coa axuda da Consellería de Innovación, con quen asinou un acordo destinado a “desenvolver actuacións orientadas a acadar unha rede comercial de calidade”.
En que consistirían as actuacións deste acordo? Pois, en gran medida basearanse na incorporación eficaz e rendible das novas tecnoloxías da información no sector e na promoción comercial sectorial-unitaria no punto de venda.
Deste xeito, entre outras iniciativas, porase en marcha unha páxina web para os libreiros e, ademais, deseñaranse e confecccionaranse bolsas para punto de venda. Estas e outras actuacións levarán consigo un orzamento duns 103.000 euros, dos que a metade veñen achegados pola Consellería de Innovación.
Innovación apoiará tecnoloxicamente ó sector libreiro na súa reconversión
Compartir Este Artigo
